Nova: Xornada de portas abertas do Pazo de Liñares
29/03/2015
Xornada de portas abertas do Pazo de Liñares
O monumento albergará un centro especializado que combinará traballos de restauración, conservación, investigación e divulgación
Lalín (Pontevedra), 29 de marzo de 2015.- O Pazo de Liñares acolleu hoxe a xornada de portas abertas, coincidindo coa inauguración do Centro de Xestión do coñecemento Arqueolóxico. Este espazo converterá ao senlleiro pazo lalinense nun lugar de referencia no mundo da arqueoloxía galega, posto que se trata dunha infraestrutura punteira neste eido.
O responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor este centro, posible grazas á rehabilitación integral dun pazo agora aberto non só a todos os lalinenses, senón tamén ao resto da comarca e Galicia enteira. Nel poderán descubrir unha parte do noso pasado e ao mesmo tempo coñecer o proceso de tratamento dos restos arqueolóxicos. O monumento combinará, por tanto, o atractivo turístico co cultural.
Arqueoloxía, restauración e a consecuente investigación e divulgación dese labor danse a man neste novo centro, no que se traballará a dúas bandas. Por un lado, estudaranse materiais documentados en escavacións realizadas en xacementos pertencentes á Idade do Ferro e en castros de toda a provincia, con especial relevancia os localizados na propia comarca de Deza. Pero ademais, a instalación prestará un servizo de restauración ao Museo Provincial de Pontevedra, posto que parte dos seus fondos trataranse agora en Liñares.
Todas as pezas que entren no centro serán limpadas, almacenadas nas condicións óptimas para a súa conservación e “sigladas”, é dicir, outorgaráselles un código identificativo sen menoscabar a súa vinculación co xacemento arqueolóxico de procedencia. Os arqueólogos deberán inventariar os restos, mentres que os restauradores tratarán minuciosamente aqueles vestixios que o precisen, tentando tamén reconstruír os máis danados.
Todos estes traballos, cita previa mediante, poderán ser visitados polo público en xeral. Ademais, as pezas restauradas no centro expoñeranse no propio pazo ata que non se envíen ao museo correspondente.
Colaboración na rehabilitación
O Pazo de Liñares, un dos máis sobranceiros na comarca de Deza, é propiedade do concello de Lalín dende o ano 2002. Neste Ben de Interese Cultural (BIC) dende 2009, acometeuse unha rehabilitación integral para o seu uso público na que tamén participou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. En virtude dun convenio asinado co concello lalinense en 2010, o departamento educativo do Goberno galego aportou preto de 800.000 euros, que se uniu á axuda concedida polo Ministerio de Fomento.