Nova: A Xunta e Ronsel de Ideas lanzan o xogo familiar ‘Ti es a chave da primavera’ co gallo da celebración do Día Internacional da Lingua Materna

19/02/2023

A Xunta e Ronsel de Ideas lanzan o xogo familiar ‘Ti es a chave da primavera’ co gallo da celebración do Día Internacional da Lingua Materna

O proxecto está orientado á rapazada de Primaria e inclúe un conto dixital e recursos interactivos adicionais tomando como fío condutor o lema Mil primaveras máis

O material está dispoñible totalmente de balde no Portal da Lingua Galega

O secretario xeral de Política Lingüística sinala que esta iniciativa contribúe a enriquecer a transmisión interxeracional do galego tanto na familia coma no ensino

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2023

Co gallo da celebración, o vindeiro martes, do Día Internacional da Lingua Materna, o Goberno galego en colaboración con Ronsel de Ideas lanza o xogo familiar Ti es a chave da primavera, un conto dixital interactivo que ten como obxectivo concienciar sobre a transmisión da lingua galega como unha chave para o futuro.

 

Os contidos deste proxecto, que inclúen o conto dixital do mesmo título, Ti es a chave da primavera, así como un amplo abano de actividades interactivas adicionais relacionadas, xa están dispoñibles totalmente de balde no Portal da Lingua Galega .

 

Con motivo da súa difusión, o secretario xeral de Política Lingüística indicou que estes contidos, xunto con outros que se presentarán proximamente, “veñen a enriquecer o repositorio de recursos destinados á infancia e á transmisión interxeracional do galego, tanto na familia como no ensino”. Valentín García agradeceu o seu traballo a Roberto Noguerol, de Ronsel de Ideas, empresa responsable do proxecto especializada na elaboración de materiais e contidos divulgativos nas áreas de cultura, educación e lingua.

 

Co lema ‘Mil Primaveras máis’

Pensado para rapazada da Educación Primaria que está nun momento formativo moi importante, tanto desde o punto de vista da competencia coma do asentamento lingüístico, Ti es a chave da primavera inclúe un conto dixital e recursos interactivos adicionais en tres áreas, tituladas Dos xograres ao trap, Un idioma para percorrer o mundo, e Unha lingua de récords.

 

Tomando como fío condutor o lema Mil Primaveras máis, os materiais teñen o obxectivo de facerlle ver aos nenos e nenas que eles son unha peza fundamental do futuro do idioma, ao tempo que se quere reforzar e concienciar as familias na idea de que a transmisión da lingua é unha chave para o futuro dos seus fillos e fillas.

 

Programa Tece Redes en galego

Ti es a chave da primavera forma parte da iniciativa TeCe Redes en galego da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é un repositorio de proxectos dixitais e servizos esenciais, creado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, co fin de fornecer un programa de dinamización lingüística e de transmisión xeracional dirixido ao público infantil e xuvenil, nas diversas interaccións verbais e escritas da súa vida cotiá e coas súas familias.

 

No marco deste programa realizáronse tamén ducias de actuacións teatrais, musicais ou exposicións que involucraron milleiros de persoas e que foron froito das propostas de profesionais do sector cultural, creativo e artístico galego.

Comparte