Nova: A Xunta inviste máis de 65.000 € na restauración da igrexa de Santa Baia de Mos
20/02/2023
A Xunta inviste máis de 65.000 € na restauración da igrexa de Santa Baia de Mos
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, comproba o resultado dos traballos, acompañado da veciñanza
Acometeuse a conservación das pinturas do presbiterio, a recuperación das tumbas dos primeiros Marqueses de Mos e a limpeza e rehabilitación das fachadas
Mos (Pontevedra), 20 de febreiro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comprobou nestes días o resultado das obras de restauración da igrexa de Santa Baia de Mos, que a Xunta apoiou cun investimento de máis de 65.000€. O obxectivo das actuacións, realizadas na segunda parte do ano 2022, foi restaurar parte do interior do tempo como acometer a limpeza dos paramentos exteriores.
Na primeira das fases executouse a conservación do presbiterio, en concreto das pinturas murais no arco triunfal e bóvedas. Ademais, nesta intervención acometeuse a recuperación das tumbas dos primeiros Marqueses de Mos.
A segunda fase consistiu na rehabilitación das fachadas, evitando posibles filtracións de auga, e volvendo ao aspecto inicial das mesmas. Para isto, procedeuse á súa limpeza xeral e desinsectación. Tamén se procedeu ao rexuntado de muros e á eliminación de antigos morteiros.