Nova: Xunta e concellos constatan a recuperación da contratación na Rede Galega de Teatros e Auditorios cun 22% máis de investimento respecto a 2019

23/02/2023

Xunta e concellos constatan a recuperación da contratación na Rede Galega de Teatros e Auditorios cun 22% máis de investimento respecto a 2019

O Goberno galego reúne os representantes dunha ducia de entidades locais asociadas a este circuíto para lles presentar a memoria de actividade de 2022 e reactivar a comisión encargada de actualizar as súas normas de funcionamento

Este aumento do investimento ata os 1,8M€ reverteu directamente nas 165 compañías escénicas e grupos musicais programados

O balance do ano pasado confirma, ademais, o progresivo regreso a niveis de programación e de asistencia de público anteriores á pandemia
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia reuniu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, a Asemblea da Rede Galega de Teatros e Auditorios para valorar a memoria de actividade de 2022 e poñer en marcha a comisión que revisará as normas de funcionamento deste circuíto autonómico para a programación de artes escénicas e música. O balance do ano pasado confirma a progresiva recuperación dos niveis de contratación artística anteriores á pandemia grazas a un investimento de máis de 1,8 millóns de euros entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as 40 entidades locais asociadas, cifra que supón un aumento superior ao 22% respecto a 2019.

Este maior esforzo orzamentario reverteu directamente nas 165 compañías escénicas e grupos musicais contratados o ano pasado ao abeiro da rede, traducíndose nun incremento medio de preto do 30% nos cachés dos seus espectáculos respecto á media do ano anterior á pandemia.

Os representantes da Axencia Galega das Industrias Culturais e dunha ducia das 40 entidades locais asociadas á Rede (os concellos da Coruña, Arteixo, Betanzos, Carballo, Muros, Narón, Pontevedra, Santiago de Compostela, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vimianzo mais a Deputación Provincial de Ourense) asistiron á xuntanza da asemblea, na que se analizaron os indicadores de actividade, asistencia de público e investimento na Rede Galega de Teatros e Auditorios, coa ollada posta na actualización da normativa para afondar no seu papel como unha das principais vías para a distribución dos espectáculos producidos profesionalmente en Galicia.

Aumento do 5% en danza

Segundo a memoria presentada, o circuíto pechou 2022 cun balance de 527 actuacións, moi próximo ao acadado en 2019, e cunha asistencia de preto de 70.000 espectadores nunha progresiva recuperación da confianza do público tras dous anos de pandemia. Aínda que o teatro continúa a ser a disciplina máis contratada polos espazos da rede, o documento destaca un incremento do 5% na programación de danza, con 42 funcións o ano pasado.

En 2023 manteranse os niveis de investimento en contratación artística rexistrados ao abeiro deste programa autonómico, que xa ten en marcha a súa nova carteleira semestral cun orzamento de 1,1 millóns de euros para o desenvolvemento de 320 funcións a cargo de 114 formacións ata o vindeiro mes de xuño.

A carteleira completa destes seis meses pode consultarse nas sección de axenda das webs de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais.

 
 

Comparte