Nova: A Xunta apoia a proxección dos creadores galegos en Arco, a principal feira de arte contemporáneo

25/02/2023

A Xunta apoia a proxección dos creadores galegos en Arco, a principal feira de arte contemporáneo

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visita as galerías de arte galegas que participan nesta cita, en JustMad e en Art Madrid

O representante do Goberno galego salienta o carácter estratéxico destas citas para promover o talento de Galicia e establecer contactos con artistas de todo o mundo

No marco do novo Plan Xeración Cultura, a Administración autonómica lanzará en abril unha nova convocatoria de axudas para favorecer a presenza do sector en feiras e mercados de arte

Madrid, 25 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia impulsa a proxección nacional e internacional dos creadores galegos en Arco, a principal feira de arte contemporánea do país e unha parada imprescindible no circuíto nacional na que o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompaña aos profesionais galegos das artes visuais. Ademais, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén visita as galerías de arte que participan en JustMad e Art Madrid.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou o carácter estratéxico deste tipo de feiras e mercados para promover o talento de Galicia e establecer pontes de unión con artistas de todo o mundo. Nesta liña, lembrou que, ao abeiro do novo Plan Xeración Cultura, que dedica o seu quinto eixo a promover a proxección exterior e a internacionalización do sector, a Administración autonómica lanzará en abril unha nova convocatoria de axudas para favorecer a presenza do sector nestas citas.

“Na última convocatoria foron beneficiarias desta convocatoria preto dunha decena de galerías de arte galegas que participaron en citas de Madrid, Londres, Lisboa, Suíza, Francia, Italia, Seúl ou Colombia, entre outras”, explicou. Estas axudas, que poderán solicitar tamén os profesionais que participen nas citas desta fin de semana, súmanse ao convenio anual que a Administración autonómica mantén coa Asociación de Galerías de Arte Contemporánea para apoiar de xeito transversal a creatividade no eido das artes visuais.

A primeira das visitas de Anxo M. Lorenzo foi onte á feira de arte contemporánea JustMad, que celebra este ano a súa décimo cuarta edición coa participación de 40 galerías e unha aposta para dar a coñecer as novas galerías e artistas que liderarán o panorama artístico do futuro inmediato.

A continuación vista hoxe ARCOmadrid, que leva celebrándose desde a década dos 80 e que se consolidou xa como unha das principais plataformas do mercado da arte en España e nunha e peza fundamental na promoción e difusión da creación artística. Este ano conta coa asistencia de 200 galerías de todo o mundo.

Por último, o director xeral de Cultura acudirá mañá a a Art Madrid, que celebra a súa 18ª edición con arredor de 40 expositores nacionais e internacionais coas tendencias artísticas de última creación.

 

Comparte