Nova: A Xunta celebra os 30 anos do CGAC con medio centenar de actividades para repasar a historia do museo e asumir os retos do futuro
27/02/2023
A Xunta celebra os 30 anos do CGAC con medio centenar de actividades para repasar a historia do museo e asumir os retos do futuro
Román Rodríguez destaca que ao longo das últimas tres décadas o CGAC tense consagrado como un dos centros artísticos de referencia en Galicia
“Desde a súa inauguración sempre houbo un factor común: a excelencia e aposta polo talento”, salienta o responsable autonómico de Cultura
A primeira gran cita da conmemoración é a exposición ‘Un traballo en equipo: revisión histórica do CGAC’ coas pezas máis significativas da historia do centro
O 29 de setembro, coincidindo coa data da apertura, haberá unha xornada lúdica e festiva con concertos, danza, espectáculos de videomapping e un congreso
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2023
A Xunta de Galicia celebrará o 30 aniversario do CGAC cun amplo programa composto por medio centenar de actividades. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen destacou que se trata dunha proposta que servirá para dar proba da importancia deste museo no sector cultural.
Durante a presentación das actividades, o responsable autonómico de Cultura, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e do director do CGAC, Santiago Olmo, destacou que ao longo das últimas décadas este museo tense consagrado como un dos centros artísticos de referencia en Galicia e un dos seus principais axentes culturais. “Se ben ao longo dos anos cada responsable aplicou o seu propio criterio, sempre houbo un factor común: a excelencia e aposta polo talento local, nacional e internacional”, salientou.
Neste senso, engadiu que nos últimos 30 anos o museo ten ofrecido “programas expositivos extraordinarios con gran variedade de formatos, voces innovadoras e creadores de vangarda”. “Desde a súa inauguración, o CGAC converteuse nunha fiestra para ver o mundo e a arte desde Galicia adiantándose ás tendencias plásticas e culturais que se acabarían impoñendo no sector creativo sen deixar de lado as sensibilidades artísticas do momento”, explicou.
No relativo á programación organizada para este ano, o conselleiro de Cultura afirmou que se trata dunha proposta diversa, transversal e multiplataforma que servirá para poñer en valor a traxectoria do centro ao tempo que se impulsan diferentes “disciplinas artísticas e se prepara á institución para os retos que ten por diante”. Para iso, están previstas medio centenar de actividades entre as que se inclúen exposicións, intervencións artísticas, congresos, concursos, talleres, perfomance ou publicacións.
Primeira colaboración co Museo Centro Gaiás
Así, a primeira gran cita impulsada ao abeiro deste aniversario é a exposición Un traballo en equipo: revisión histórica do CGAC, que se inaugurará en xullo comisariada por Santiago Olmo, director do museo. Trátase dunha iniciativa para repasar a historia do CGAC a través das pezas máis significativas tanto da propia colección do museo como en proxectos expositivos ao longo dos últimos 30 anos. Maruja Mallo, Luis Gordillo, Berta Cáccamo ou Nicolás Combarro son algúns dos artistas cuxas obras estarán presentes nesta iniciativa.
A mostra compleméntase con A Colección CGAC na Cidade da Cultura, exposición que se poderá ver no Museo Centro Gaiás a partir de xullo e que será a primeira colaboración entre as dúas institucións culturais. A actividade permitirá mostrar aquelas obras de grande formato que, polo seu tamaño e dimensións, resulta difícil ver xuntas ou en sucesión no propio CGAC.
O 29 de setembro, coincidindo coa apertura do Centro Galego de Arte Contemporánea en 1993, o museo ten previsto un amplo abano de actividades para todos os públicos nunha xornada lúdica e festiva que inclúe concertos, danza vertical e un espectáculo de video mapping, entre outras propostas. Ademais, neste día tamén haberá espazo para a reflexión con actividades vinculadas as mostras como a celebración dun congreso ou dunha xornada formativa.