Nova: O conselleiro Román Rodríguez recibe a produtora Chelo Loureiro co recente Goya por ‘Unicorn Wars’

27/02/2023

O conselleiro Román Rodríguez recibe a produtora Chelo Loureiro co recente Goya por ‘Unicorn Wars’

O responsable autonómico de Cultura destaca que este filme apoiado pola Xunta con 260.000€ é un exemplo da capacidade empresarial e talento do audiovisual galego

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu hoxe a responsable de Abano Producións, Chelo Loureiro, para felicitala persoalmente polo recente premio Goya a Unicorn Wars como mellor longametraxe de animación.

O titular de Cultura do Goberno Galego puxo a súa traxectoria como exemplo da contrastada capacidade empresarial e do talento dos profesionais galegos do audiovisual, que esta mesma fin de semana sumou o galardón do xurado na sección Encounters da Berlinale para o vigués Lois Patiño por Samsara e o de mellor película estranxeira nos Cesar franceses para As bestas, fita cunha destacada representación galega no seu reparto.

Estreada con gran éxito de crítica na pasada edición do Festival de Sitges, Unicorn Wars é unha coprodución entre Galicia, País Vasco e Francia para a que Abano Producións contou cunha subvención de 260.000 euros por parte da Xunta. Con ela, o cineasta e debuxante coruñés Alberto Vázquez consolídase como un dos grandes nomes da animación española e internacional, despois dos éxitos acadados coa longa Psiconautas, los niños olvidados e coas aclamadas curtas Decorado e Birdboy. Todas elas foron xa recoñecidas co premio Goya da súa categoría en 2016, 2017 e 2012, respectivamente.

Comparte