Nova: Preto de 700 persoas danse cita no monte Gaiás para celebrar o ‘I encontro 21 días co galego e+’
28/02/2023
Preto de 700 persoas danse cita no monte Gaiás para celebrar o ‘I encontro 21 días co galego e+’
O secretario xeral de Política Lingüística participa nesta xuntanza co alumnado e profesorado dos 12 centros da V edición deste programa
O evento contou coa visita da xornalista Esther Estévez e coa actuación da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, de Noia, que realizou tres shows diferentes
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no primeiro encontro que reuniu unha ampla representación do alumnado e do profesorado participante na V edición do programa de dinamización lingüística 21 días co galego E+, promovido pola Xunta co obxectivo de estimular o uso oral da lingua galega entre a xente nova tanto dentro como fóra dos centros de ensino.
O representante da Xunta, que estivo acompañado da profesora Pilar Ponte, coordinadora xeral do programa, agradeceulles que axudasen “a facer medrar esta iniciativa que nos mostra que podemos usar o galego todos os días e para calquera cousa que fagamos” e expresou o seu desexo de que “a experiencia fose positiva” e o uso da lingua propia de Galicia medre.
En total, preto de 700 persoas entre alumnado, profesorado e coordinadoras e coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega déronse cita no Edificio Fontán do Gaiás para intercambiar experiencias e compartir unha tarde chea de actividades como teatro, baile, rap, desfile de moda, xogos etc.
Animados polos xonalistas Carlos Amado e Esther Estévez, os representantes dos 12 centros participantes subiron por quendas ao escenario para interpretar ante os demais os seus respectivos espectáculos, que se intercalaron coa actuación da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, de Noia, que realizou tres shows ao longo da tarde: de freestyle football, de beatbox e de breaking.
Dinamizar o uso da lingua galega na mocidade
Este encontro enmárcase na celebración da V edición do programa de dinamización lingüística 21 días co galego e +, que se desenvolveu entre o 24 de xaneiro e o 13 de febreiro en 12 centros de ensino das catro provincias galegas e acadou a cifra máis alta de participantes ata o momento, con máis de 4.500 persoas involucradas.
Neste curso 2022/23 o programa desenvolveuse no IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña), IES de Melide (Melide), CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e CPR Divino Maestro (Santiago), todos eles na provincia da Coruña; no CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Xesús (Ribadeo) e IES María Sarmiento (Viveiro), na provincia de Lugo; no IES Nº1 do Carballiño (O Carballiño) e CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), en Ourense; e no CPI Plurilingüe Alfonso VII (Caldas de Reis), CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios (Nigrán), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) e IES A Basella (Vilanova de Arousa), na provincia de Pontevedra.