Nova: 'A Furgoteca', o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta para o rural, chega a Ourense

01/03/2023

'A Furgoteca', o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta para o rural, chega a Ourense

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, asisten á posta en marcha da iniciativa en Trasmiras

No día de hoxe fixo parada na praza do Concello durante toda a tarde, onde realizou servizos de atención á veciñanza e presentación dos centros socio-educativos

Na provincia chegará os vindeiros días a Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra e Vilardevós e o calendario completo de todos os itinerarios pode consultarse xa en cultura.gal/furgoteca

Trasmiras (Ourense), 1 de marzo de 2023  A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, chegou hoxe á provincia de Ourense onde tivo a súa primeira parada en Trasmiras, un dos 20 concellos das provincias de Ourense e Lugo nos que se implanta este ano para achegar estes servizos aos veciños. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, participaron na súa posta en marcha onde animaron á veciñanza a achegarse e coñecer todos os seus servizos, desde facerse o carné de usuario de biblioteca, conectarse a Internet, coller en préstamo libros e revistas e participar nas moitas actividades complementarias.

O responsable da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades recordou que esta iniciativa nace con vocación “de achegar a cultura a cada vez máis persoas” cun intenso calendario de itinerancias polos 20 concellos participantes, 10 deles da provincia de Ourense “cunha visita dúas veces ao mes en cada un deles tanto nos lugares máis concorridos como facendo un servizo porta a porta pola aldeas”, expresou. Recordou, ademais, que se enmarca na liña dos obxectivos da folla de ruta para este ano, o Plan Xeración Cultura coa que a Xunta está acompañando ao sector cultural no seu momento de impulso.

A furgoteca instalouse durante toda a tarde na praza do Concello, onde realizou servizos de atención á veciñanza e presentación aos centros socio-educativos. O calendario da furgoteca para marzo xa está pechado e a quenda de Trasmiras, ademais de hoxe, será o venres 17.

Todo o calendario na web

Na provincia de Ourense, a continuación terá parada en Calvos de Randín, o xoves 2 e venres 24, en Castrelo de Val o venres 3 e o mércores 29, en Os Blancos estará o luns 6 e o xoves 23. No concello de Vilardevós instalarase o martes 7 e 21, en Baltar vai o mércores 8 e 22, en Oímbra estará o xoves 9 e o luns 20, en A Gudiña estará o venres 10 e o luns 27, no concello de Laza o xoves 16 e martes 28 e no de Cualedro o sábado 18 e o xoves 30. O horario de todos eles estará comprendido entre as 10,00 e 15,00 horas, se vai pola mañá, e de 15,00 ás 20,00 horas, se é de tarde, e pode consultarse na páxina web cultura.gal/furgoteca, nos lugares de información dos concellos ou a través das redes sociais.

Na furgoteca pódense atopar exemplares de libros, películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicas como revistas e xornais. Tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación.

Teñen conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. As bibliotecas móbiles dispoñen, ademais, de persoal de atención cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural. Como complemento, con programación de periodicidade estable como clubs de lectura, contacontos, encontros con autores locais, entre outras, para o que se buscará a colaboración cos centros educativos tanto a través de equipos docentes como a través de bibliotecas escolares e do tecido asociativos.

Comparte