Nova: A Xunta contribúe á oferta escénica da cidade de Pontevedra con sete espectáculos da Rede galega de teatros e auditorios ata xuño

02/03/2023

A Xunta contribúe á oferta escénica da cidade de Pontevedra con sete espectáculos da Rede galega de teatros e auditorios ata xuño

O Teatro Principal e o Pazo da Cultura son dous dos espazos asociados á programación que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades cofinancia con 40 entidades locais das catro provincias

O investimento para a contratación das sete compañías galegas de teatro e danza que actuarán na capital pontevedresa sitúase nos 44.000 euros, cunha achega do 50% por parte da Administración galega

Este circuíto autonómico conta cun orzamento de 1,1 M€ para a carteleira deste semestre con 320 actuacións de 114 formacións artísticas
 

Pontevedra, 2 de marzo de 2023 A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de espectáculos promovido pola Xunta en colaboración con 40 entidades locais das catro provincias, achégalle ao público da cidade de Pontevedra sete espectáculos de teatro e danza ata o vindeiro mes de xuño. O investimento público para a contratación das sete compañías profesionais galegas que levarán a cabo estas actuacións sitúase nos 44.000 euros, dos que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asume o 50% de acordo co convenio de colaboración que mantén co Concello pontevedrés.

Esta programación autonómica conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros para a actual carteleira semestral, cifra que se traduce na contratación de 114 formacións artísticas para levar a cabo preto de 320 funcións escénicas e concertos en teatros e auditorios das catro provincias, entre os que se atopan o Teatro Principal e o Pazo da Cultura da cidade do Lérez.

Primeira función hoxe con Malasombra

En Pontevedra, a oferta da Rede arranca hoxe mesmo, ás 21,00 h. no Teatro Principal, con Vox Populi, musical de Malasombra Producións que se atopa en pleno inicio da súa xira por Galicia. Este mesmo escenario acollerá o día 9 outra recente estrea galega con Redrum Teatroe a súa versión da obra de Juan Mayorga Hamelin, mentres que o 30 de marzo será a quenda de Talía Teatro con Morte accidental dun anarquista, o 13 de abril actuará o creador e bailarín Javier Martín coa súa peza Figuras do limiar, coproducida co Centro Coreográfico Galego, e o 20 dese mes chegará Continente María, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante en coprodución co Centro Dramático Galego.

O Pazo da Cultura recibirá, pola súa banda, a Fran Sieira Compañía de Danza con DeMente o 16 de abril e a Chévere con N.E.V.E.R.M.O.R.E. o 2 de xuño.

Ademais do apoio ás devanditas coproducións de Figuras do limiar e Continente María, a Xunta contribuíu á produción do resto dos espectáculos programados a través da súa convocatoria anual de subvencións á creación escénica.

A axenda completa do circuíto pode consultarse nas webs de Cultura de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Comparte