Nova: Román Rodríguez anima a descubrir a “fonda pegada” de Ferrol na colección artística do Parlamento de Galicia

02/03/2023

Román Rodríguez anima a descubrir a “fonda pegada” de Ferrol na colección artística do Parlamento de Galicia

O conselleiro de Cultura participa na inauguración da mostra A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia, organizada pola Cámara autonómica, a Xunta e Afundación

Ferrol, 2 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Ferrol na inauguración da exposición A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia onde se referiu á oportunidade que supón esta mostra para “achegar a todos os galegos o valiosísimo legado que atesoura a Cámara autonómica, homenaxear a todos eses artistas que contribuíron a construír Galicia e descubrir a fonda pegada que Ferrol ten nesta valiosa colección”.

 

A exposición, que se pode visitar na sede de Afundación, recolle unha selección de case 35 pezas da colección do Parlamento con algúns nomes especialmente relevantes para Ferrol como Siro López, Ricardo Segura ou Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo. “Unha retrospectiva que nos axudará a afondar máis na pegada artística e histórica que Ferrol posúe no eixo da cultura galega e que reflicte perfectamente a creatividade que experimentou a arte galega nas últimas décadas”, afirmou o conselleiro.

 

A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia trátase dun proxecto conxunto do propio Parlamento, a Xunta de Galicia e Afundación que arrancou en Vigo e realizará distintas itinerancias polas cidades galegas. Os traballos de cada mostra teñen unha relación territorial que vincula aos artistas seleccionados coa súa contorna inmediata polo seu valor simbólico ou sentimental. “Un relato que -como declarou Román Rodríguez- enriquece a visita á exposición e achega un valor engadido”.

Comparte