Nova: A Xunta renova o seu apoio aos premios Martín Códax da Música na celebración do seu 10º aniversario
06/03/2023
A Xunta renova o seu apoio aos premios Martín Códax da Música na celebración do seu 10º aniversario
Os galardóns abren do 13 de marzo ao 3 de abril a inscrición de proxectos candidatos como paso iniciar o proceso que culminará na gala de entrega do 7 de xuño
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia repite en 2023 como entidade colaboradora da asociación Músicas ao Vivo na organización dos seus Premios Martín Códax da Música, que hoxe anunciaron a posta en marcha da edición na que celebran o seu décimo aniversario. O prazo de inscrición de proxectos nas diferentes categorías convocadas estará aberto do 13 de marzo ao 3 de abril, período tras o que comezarán as diferentes fases de votacións cara a entrega dos galardóns nunha gala que terá lugar o 7 de xuño en Pontevedra.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe no Salón Teatro de Santiago de Compostela no acto de presentación desta 10ª edición, no que tamén interviñeron as cantantes Sheila Patricia e Patty Castro, presidenta e tesoureira de Músicas ao Vivo, así como representantes do resto de entidades e empresas colaboradoras.
O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou a organización polos 10 anos de traxectoria dos seus premios, para os que vén contando desde os seus inicios co apoio económico da Xunta de Galicia, que tamén se traslada ao resto da actividade desta asociación a prol da profesionalización do sector.
Proxección social do sector
Destacou, así mesmo, o papel desta convocatoria anual como estímulo para os profesionais da música por canto actúan como recoñecemento público e plataforma para difundir entre a cidadanía a riqueza da música galega tanto en estilos e proxectos como en artistas e demais profesionais que traballan neste ámbito en Galicia.
Así, xunto ás 15 categorías musicais dos Martín Códax da Música, nesta décima edición volverán entregarse os tres premios Organistrum para destacar o traballo realizado durante 2022 por unha sala, un festival e un espazo de comunicación, así como a mención honorífica a unha carreira artística ou traxectoria profesional que teña sido referente para o sector na nosa Comunidade. Así mesmo, mantense como categoría extraordinaria a de mellor proxecto emerxente, creada o ano pasado co fin de valorar a proxección e potencial de artistas ou bandas que estean a dar os seus primeiros pasos no mundo musical.
Tras o peche das inscricións, un xurado profesional encargarase de valorar e puntuar as diferentes candidaturas para seleccionar tres finalistas por categoría. Na terceira e última fase, serán as persoas asociadas a Músicas ao Vivo as que decidirán cos seus votos o nome dos gañadores deste ano.
En 2023 os Martín Códax da Música retoman, ademais, o seu calendario primaveral que culminará coa gala de entrega dos galardóns, prevista para o 7 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra.