Nova: A Xunta pon en marcha a 10ª edición de Galicia Escena PRO coa convocatoria para a selección de compañías
07/03/2023
A Xunta pon en marcha a 10ª edición de Galicia Escena PRO coa convocatoria para a selección de compañías
O evento organizado pola Consellería de Cultura e a asociación Escena Galega reunirá os profesionais do sector do 29 de maio ao 1 de xuño en Santiago
A inscrición de espectáculos de produción galega pode realizarse ata o 15 de marzo na renovada web www.galiciaescenapro.gal
Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, pon en marcha a edición na que celebra o seu décimo aniversario coa apertura ata o 15 de marzo da inscrición de espectáculos galegos cara ao deseño da programación que se desenvolverá do 29 de maio ao 1 de xuño en Santiago de Compostela.
De novo baixo a organización compartida da Axencia Galega das Industrias Culturais e a asociación empresarial Escena Galega, o evento reunirá os axentes culturais implicados nos procesos de creación, distribución e exhibición de teatro, danza, novo circo e maxia co fin de dinamizar o mercado interior e exterior dos espectáculos producidos na nosa Comunidade.
A inscrición das compañías realízase a través da área profesional da renovada web de Galicia Escena PRO, que estrea nova imaxe e estrutura máis limpa e dinámica. A través dela e xa no mes de abril, abrirase unha nova convocatoria para a acreditación dos profesionais de dentro e fóra de Galicia interesados en asistir ao evento.
Galicia Escena PRO 2023 volverá ofrecer catro días de programación practicamente ininterrompida en diferentes escenarios composteláns e outras localizacións ao aire libre. Nela combinaranse os espectáculos completos coas presentacións rápidas en formato pitching e unha intensa axenda de reunións prefixadas, ademais doutras actividades paralelas.
Selección artística
Da escolma desta décima edición do mercado encargarase unha comisión artística nomeada por Escena Galega coa finalidade de configurar unha programación variada, equilibrada e de calidade. A modalidade de espectáculos completos está aberta á inclusión de propostas galegas en calquera disciplina escénica, ben estreadas entre o 7 de xuño de 2022 e o 28 de maio de 2023, ben para a súa estrea absoluta neste evento. Pola súa banda, a convocatoria de pitchings diríxese especificamente a proxectos pendentes de chegar ás táboas.
Galicia Escena PRO 2023 segue, ademais, a súa alianza de intercambio de espectáculos con MADferia, a feira de artes escénicas que organiza en Madrid a asociación ARTEMAD, e forma parte da coordinadora estatal de feiras do sector COFAE.