Nova: A Xunta reforzará o impulso aos novos talentos, á conservación do legado cultural e á modernización de infraestruturas co novo Plan Xeración Cultura
10/03/2023
A Xunta reforzará o impulso aos novos talentos, á conservación do legado cultural e á modernización de infraestruturas co novo Plan Xeración Cultura
Anxo M. Lorenzo salienta o investimento de 34 M€ en 57 accións que incluirán o desenvolvemento de dúas novas leis no eido da dixitalización a accesibilidade
Destaca algunhas medidas xa en marcha como aceleradora musical Sonemerxente para impulsar a carreira de 12 novos talentos ou A Furgoteca, que xa leva os servizos bibliotecarios móbiles a 20 concellos do rural
Referiuse a outras iniciativas novidosas como a próxima posta en marcha da Galicia Film Commision para consolidar a Comunidade como plató de cine
Sitúa a creación dunha nova rede de centros culturais do rural e a nova liña de axudas para bens etnolóxicos como exemplo para achegar a cultura a todas as persoas
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe no Parlamento de Galicia as liñas mestras do novo Plan Xeración Cultura, a folla de ruta que xa está en marcha para reforzar con novas iniciativas o “gran momento de creación e expansión” do sector cultural galego e “xuntar esforzos desde a colaboración público-privada para impulsar a xeración de riqueza e benestar”.
O representante da Consellería de Cultura salientou que o investimento de 34 M€ permite levar a cabo durante este ano un total de 57 accións encamiñadas a impulsar a creatividade e novos talentos, mellorar e garantir o acceso universal á cultura, apostar pola dixitalización e innovación, modernizar as infraestruturas, conservar o legado cultural e a formación e reforzar a proxección exterior da cultura galega.
“É froito do empeño da Xunta por achegar a cultura a todas as persoas en todo o territorio e reforza o camiño que vimos seguindo nos últimos anos, que deu moi bos froitos e que está baseado na anticipación, diálogo permanente e acompañamento aos sectores creativos de Galicia”, explicou Anxo M. Lorenzo. Neste sentido, referiuse aos datos do último informe da Fundación Contemporánea nos que a oferta cultural de Galicia do ano pasado acadou a súa mellor valoración histórica en calidade e innovación e foi a terceira Comunidade que máis puntos subiu.
Para acompañar ao sector neste bo momento, o director xeral de Cultura fixo mención a algunhas medidas novidosas en marcha, como a aceleradora de proxectos musicais Sonemerxente para impulsar a carreira de 12 novos talentos ou A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles que circulan por 20 concellos do rural de Lugo e Ourense. Tamén a Galicia Film Commision que consolidará a Comunidade como plató de cinema que completará o traballo no eido audiovisual emprendido pola Xunta nos últimos anos nos que “cun investimento de máis de 23 M€ desde o ano 2012 para proxectos audiovisuais cun retorno de 122 M€”, indicou.
Outras iniciativas como a creación da rede de dinamización de centros culturais do rural ou o lanzamento dunha nova liña de axudas dirixida a particulares para a conservación de bens etnolóxicos son medidas que permitirán, explicou, “afondar no achegamento da cultura a todas as persoas”. Anxo M. Lorenzo puxo de manifesto a importancia desta folla de ruta porque, ademais, se desenvolverán ao seu abeiro dúas novas leis: a nova Lei de Cultura Inclusiva e Accesible e a nova Lei de Cultura Dixital.
Cinco eixos de actuación
O Plan Xeración Cultura estrutúrase en cinco eixos de actuación. O primeiro oriéntase a garantir o acceso universal á cultura, para o que se inclúen distintas accións centradas no apoio a todo tipo de programación e redes de difusión, tanto de titularidade pública como privada, desde cines, teatros, salas de música, festivais de distintos xéneros musicais, bibliotecas, arquivos, museos, entre outras. No seu segundo eixo céntrase no impulso ao talento. Inclúe distintas medidas de apoio á produción, desenvolvemento e talento audiovisual e para a creación escénica.
Para dar respostaás novas necesidades do sector, o terceiro dos eixos focalízase na innovación, dixitalización e modernización, con especial atención ás tecnoloxías emerxentes como intelixencia artificial ou realidade virtual e aumentada. Entre as accións previstas está a posta en marcha do novo Centro de Artes Dixitais na Cidade da Cultura, así como distintos proxectos de dixitalización, incluídos os BIC.
O cuarto dos eixos oriéntase á preservación e protección do legado cultural e aposta pola modernización das infraestruturas culturais a través de distintas liñas de apoio para os distintos equipamentos culturais. Crearase un Observatorio de Innovación do Patrimonio Cultural e un programa de mellora dos espazos culturais, entre eles, a ampliación do Museo Massó, a mellora da Illa de San Simón, a rehabilitación da casa de María Antonia Dans ou a posta en marcha do Museo da Fábrica de Papel no Carballiño. Por último, o quinto eixo céntrase na proxección exterior e na formación, con accións para apoiar a distribución, axudas á asistencia a foros profesionais, participación nas feiras internacionais do libro e asistencia de creadores a eventos internacionais.