Nova: Román Rodríguez destaca a Fuxan os Ventos como “gardiáns do patrimonio sonoro, literario e instrumental de Galicia”
14/03/2023
Román Rodríguez destaca a Fuxan os Ventos como “gardiáns do patrimonio sonoro, literario e instrumental de Galicia”
O conselleiro de Cultura participa na inauguración da mostra que conmemora as cinco décadas de traxectoria da mítica agrupación folk da man de Afundación
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta os 50 anos de historia de Fuxan os Ventos como “gardiáns do patrimonio sonoro, literario e instrumental de Galicia”, e cuxa traxectoria musical pode verse na exposición impulsada por Afundación en Santiago.
O titular de Cultura do Goberno galego asegurou que Fuxan os Ventos é “moito máis que unha banda musical” xa que os seus temas e mensaxes “sempre foron un espello do estado do pobo galego” a través da “permanente reivindicación da liberdade, da xustiza, da igualdade e da idea de Galicia por riba de todo”. “Isto convérteos nunha icona cultural e musical de Galicia”, abondou.
A mítica agrupación folk iniciou a súa andaina no ano 1971 e desde aquela ata hoxe foron consolidándose como un grupo de referencia que empregaba o idioma galego como un vehículo de transmisión cultural e de expresión poética. De aí que esta mostra sexa unha cita ineludible para “que todos os galegos se cheguen ao que xa é un anaco da súa historia recente”, asegurou o conselleiro, quen aproveitou tamén para amosar as condolencias polo recen falecemento de Moncho Díaz, un dos seus músicos máis carismáticos.
A mostra, que estará aberta ata o 27 de maio na sede de Afundación da rúa do Vilar de Compostela, recorre a historia do grupo a través do seu arquivo persoal, con audios inéditos, arquivos sonoros, partituras, carteis, fotografías, recortes de prensa e documentación variada.