Nova: A Xunta consolida o seu apoio ao Museo do Pobo Galego cunha achega de 451.800 € en 2023

24/03/2023

A Xunta consolida o seu apoio ao Museo do Pobo Galego cunha achega de 451.800 € en 2023

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a presidenta do Padroado do museo, Concha Losada, asinan un convenio de colaboración que eleva a máis de 1,3M€ o financiamento do Goberno galego para este centro museístico nos últimos tres anos

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia consolida o seu apoio ao Museo do Pobo Galego cunha achega de 451.800 € para este ano que se materializan a través dun convenio de colaboración asinado esta mañá entre o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a presidenta do Padroado do propio museo, Concha Losada.

 

A través deste acordo, o Goberno galego contribúe a sufragar tanto os gastos habituais de funcionamento desta institución como as actividades culturais que desenvolve. Inclúe, polo tanto, contribuír á programación habitual do museo integrada por exposicións temporais, actividades didácticas para todo tipo de públicos, ciclos de cine e concertos musicais, actuacións de conservación e restauración de fondos, servizo de biblioteca, edicións de publicacións e estudos de investigación, entre outros.

 

Plan Xeración Cultura

Román Rodríguez salientou que esta acción enmárcase no compromiso da Xunta de apoiar todas aquelas iniciativas culturais que teñan por obxecto a protección, promoción e divulgación do patrimonio cultural galego. No caso do Museo do Pobo Galego este apoio acada os máis de 1,3M€ do Goberno galego nos tres últimos anos.

 

Ademais, o convenio responde tamén ao establecido no novo Plan Xeración Cultura que vén de poñer en marcha a Xunta cun investimento de 34M€ para o desenvolvemento de 57 accións. Precisamente un dos eixes deste plan é a preservación e protección do legado cultural e a aposta pola modernización das infraestruturas culturais.

Comparte