Nova: ‘Primavera enDanza’ regresa a Carballo co apoio da Xunta mediante a rede galega de teatros e auditorios

24/03/2023

‘Primavera enDanza’ regresa a Carballo co apoio da Xunta mediante a rede galega de teatros e auditorios

As compañías galegas Colectivo Glovo, Laboratorio Escénico, Elahood e Entremáns, e a madrileña de Daniel Abreu configuran o programa que terá lugar do 14 ao 29 de abril

Carballo (A Coruña), 24 de marzo de 2023

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, desprazouse hoxe a Carballo para participar na presentación da 21ª edición do ciclo Primavera enDanza, que un ano máis conta co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. En concreto, catro dos cinco espectáculos que poderán verse no Pazo da Cultura do 14 ao 29 de abril foron contratados a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto autonómico desenvolvido xunto ás 40 entidades locais xestoras dos espazos escénicos asociados.

Un destes escenarios é o Pazo da Cultura carballés, que como cada mes de abril acollerá este programa especial para poñer o foco sobre diferentes propostas coreográficas contemporáneas e de vangarda. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou esta decidida aposta pola danza, en liña coas diferentes iniciativas desenvolvidas polo Goberno galego para a promoción e fomento desta disciplina escénica.

Destacan, entre elas, a elaboración do Plan Integral para a Danza de Galicia, a partir dun proceso aberto e participativo co sector, ademais doutras accións xa en marcha como a reserva dunha dotación específica nas subvencións á creación escénica, o plan de coproducións que canaliza a través do Centro Coreográfico Galego ou o apoio a residencias artísticas promovidas polas propias compañías.

Programación

A 21ª edición de Primavera enDanza presentará en Carballo dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios os espectáculos Tabú de Colectivo Glovo (día 14), El hijo de Daniel Abreu (día 22), de Elahood (día 28) e Bionic de Entremans (día 29). No cartel deste ano, o público carballés poderá gozar así mesmo da montaxe Blues de medianoite, que Laboratorio Escénico representará o día 15.

Xunto con estas actuacións de danza, o escenario carballés ofreceu xa outras seis actuacións de teatro e música no marco da programación semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O circuíto autonómico conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros para a carteleira que se desenvolve de xaneiro a xuño e que está a supoñer a contratación de 114 formacións artísticas para levar a cabo preto de 320 funcións escénicas e concertos en escenarios das catro provincias.

Comparte