Nova: A Xunta inviste 2,5 M€ na produción galega de películas, series e curtas a través da súa convocatoria anual de subvencións
24/03/2023
A Xunta inviste 2,5 M€ na produción galega de películas, series e curtas a través da súa convocatoria anual de subvencións
Ábrese o prazo para a solicitude desta liña de apoio, a de maior contía das oito destinadas ao sector a través do programa anual de axudas e do Hub Audiovisual, cun orzamento conxunto de preto de 7,4 M€
Trátase dunha das 57 accións do Plan Xeración Cultura ao que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 34 M€ en 2023
Durante o período 2021-2023, esta vía de fomento estase a complementar coas convocatorias postas en marcha pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ao abeiro do seu Hub Audiovisual, de xeito que ambas liñas de investimento suman oito convocatorias de subvencións para o cinema e a televisión, cun importe conxunto de preto de 7,4 millóns de euros.
Trátase, ademais, dunha das 57 accións recollidas no Plan Xeración Cultura, a través do que a Xunta inxectará 34 millóns de euros no sector cultural galego para acompañar e reforzar o seu gran momento creativo e profesional.
Xunto con outras medidas, como a entrada en funcionamento da Galicia Film Commission, o programa de subvencións centra o apoio do Goberno galego ás empresas e profesionais do cinema e a televisión durante todo o proceso audiovisual: desde o impulso do talento na fase de creación ata a promoción, comercialización e exhibición dos traballos, pasando pola súa preprodución, rodaxe e postprodución. A súa prioridade é tanto atender as necesidades máis inmediatas das produtoras como sentar as bases para a consolidación e impulso do sector a medio e longo prazo.
Máis de 160 proxectos apoiados desde 2012
Así, entre 2012 e 2022 adxudicáronse 23,4 millóns de euros en axudas específicas para a produción de 165 proxectos (123 longametraxes, 26 curtas e 16 series), cuxos orzamentos suman preto de 123 millóns de euros. A experiencia destes anos confirma, ademais, o importante retorno económico directo da produción audiovisual na nosa Comunidade, a súa achega cultural e a súa contribución á proxección exterior de Galicia.
Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, as axudas a producións e coproducións audiovisuais diríxense especificamente a produtoras audiovisuais independentes para catro categorías e 13 submodalidades de proxectos segundo os traballos sexan longametraxes cinematográficas de ficción, documentais ou de animación; longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, curtametraxes, ou películas e series para seren emitidas por televisión ou plataformas.
A ampla variedade de proxectos que poden optar a este financiamento permite manter un equilibrio para resultar accesible a todas aquelas empresas que acrediten un ano de antigüidade na actividade, dando cabida tanto a propostas máis ambiciosas respecto ao seu deseño de produción e orzamento como a outras máis modestas, pero de gran interese artístico e cultural.
Os últimos traballos apoiados pola Xunta mediante esta vía confirman tamén unha maior capacidade da industria audiovisual galega en termos de captación do investimento, valores de produción e público obxectivo. Entre estes títulos atópanse, por exemplo, coproducións a nivel estatal e internacional como Matria ou Sica, recentemente proxectadas na Berlinale e no Festival de Málaga, onde tamén tiveron a súa estrea Honeymoon e Amigos hasta la muerte, outros dous filmes subvencionados polo Goberno galego.
Matria, primeira longametraxe de Álvaro Gago, chega precisamente hoxe ao circuíto comercial coa súa proxección en 60 salas de toda España, a meirande cifra acadada na súa estrea por unha película en galego.