Nova: A Xunta celebra o Día das Artes con dous concertos que reinterpretan o legado de Martín Códax desde a electrónica e desde a música contemporánea

25/03/2023

A Xunta celebra o Día das Artes con dous concertos que reinterpretan o legado de Martín Códax desde a electrónica e desde a música contemporánea

A Cidade da Cultura acolle un recital do pianista vigués Borja Mariño e a soprano navarra Carolina Moncada inspirado en textos poéticos, coa estrea da obra que pon música á cantiga de Martín Códax da que non se conserva notación

O dúo Laura LaMontagne & PicoAmperio trae de volta ao presente a tradición lírico-portuguesa cos seus sons electrónicos nunha actuación na Biblioteca de Galicia

 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2023

A Xunta súmase na vindeira fin de semana á homenaxe que Galicia rende este ano a Martín Códax, a quen se lle dedica o Día das Artes, con dous concertos na Cidade da Cultura que recuperan o seu legado e con estilos diferentes. Laura LaMontagne & PicoAmperio poñerán en escena sons baseados na música electrónica, mentres que as composicións do pianista vigués Borja Mariño, acompañado da voz da soprano navarra Carolina Moncada, mostrarán a herdanza do espírito trobadoresco desde unha visión contemporánea.

Así, a homenaxe comeza o sábado 1 de abril, ás 20,00 horas, cunha actuación na Biblioteca de Galicia con entrada de balde —previa inscrición na web da Cidade da Cultura— na que Laura LaMontagne & PicoAmperio actualizan con electrónica a lírica galego-portuguesa. Fanno a través de sons futuristas e tecnolóxicos baseados no trip hop e con tintes de contracultura.

O ciclo Matinais Musicais, que se celebra ás 12,00 horas do domingo 2 de abril no auditorio do Edificio Fontán, é o elixido por Borja Mariño para estrear a Cantiga sagrada, composición baseada no sexto poema de Martín Códax, o único do que non se conserva notación musical. Segundo explica o seu creador, “trátase dunha obra que non pretende imitar o estilo medieval, senón mostrar desde unha visión contemporánea como continúa viva a comuñón entre poesía e música e o espírito de cantar ao amor”.

O recital complétase cunha retrospectiva de cancións do propio compositor entre as que se atopan a cantiga musicada doutro trobador galego, Mendinho, ou obras inspiradas en textos poéticos de clásicos como Rafael Alberti ou Antonio Machado e nos poemas de autoría galega como os de Manuel Cuña Novás ou Pura Vázquez.

As entradas para asistir ao concerto poden adquirirse a través de Ataquilla.com

 

Comparte