Nova: A Xunta inviste 625.000€ na rehabilitación completa do claustro da Catedral de Lugo
25/03/2023
A Xunta inviste 625.000€ na rehabilitación completa do claustro da Catedral de Lugo
Esta intervención encádrase no Plan Catedrais, a folla de ruta dotada con 36M€ para que os templos catedralicios afronten a década xacobea nas mellores condicións
Actuouse sobre a práctica totalidade dos elementos deste espazo, con tarefas de limpeza, restitución das perdas de volume e consolidación de policromías
Tamén se restauraron as portas de madeira e renovouse a instalación eléctrica, entre outros traballos
Lugo, 25 de marzo de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobaron hoxe o resultado das obras de rehabilitación do claustro da Catedral, nas que a Xunta de Galicia investiu 625.000€. “Unha actuación –explicou o conselleiro– enmarcada no Plan Catedrais, a folla de ruta do Goberno galego no período 2021-2027 para que os templos catedralicios da Comunidade afronten a década xacobea nas mellores condicións”. “Unha estratexia dotada con 36M€ coa que contribuímos á conservación de bens como este, que non só pertencen aos galegos, senón que son Patrimonio Mundial da Unesco e, polo tanto, de toda a humanidade”, destacou.
Esta intervención é a primeira feita neste templo ao abeiro do plan, que prevé unha quincena de actuacións para a basílica dotadas con case 7M€. A actuación incluíu traballos de conservación na práctica totalidade dos elementos construtivos do claustro, coa limpeza xeral das fábricas, eliminando suciedade ou biodepósitos, a restitución das perdas de volume con morteiro de reposición e mesmo substituíndo algunha peza de cantería, entre outros labores. Limpáronse, así mesmo, os urinarios de granito e a fonte central, consolidouse a policromía e os pigmentos nos paramentos interiores e bóvedas e na pintura mural norte extremo noroeste e restauráronse as pinturas murais do paramento abovedado da porta románica.
Actuación arqueolóxica de estudo
Asemade, realizouse unha actuación arqueolóxica para estudar a posibilidade de abrir un antigo paso a través da fábrica románica, comunicando a nave da Epístola co claustro. Non se atoipou unha porta con valor histórico, aínda que as pezas de recheo pertencían a un antigo claustro románico orixinal, polo que se decidiu facer unha pequena musealización nunha hornacina na cara interior da igrexa.
Así mesmo, protexéronse as cornixas, habilitouse un espazo para facilitar o acceso e mantemento da baixocuberta do claustro, restauráronse as portas de madeira e dotouse o claustro dunha nova instalación eléctrica, entre outras actuacións.