Nova: O Centro Dramático Galego recupera a Xohana Torres para o teatro coa primeira montaxe profesional de Un hotel de primeira sobre o río
28/03/2023
O Centro Dramático Galego recupera a Xohana Torres para o teatro coa primeira montaxe profesional de Un hotel de primeira sobre o río
A nova produción da compañía da Xunta estréase este venres no Salón Teatro, onde permanecerá en cartel ata o 30 de abril para iniciar, a continuación, a súa xira por Galicia e Portugal
Gonçalo Guerreiro e María Torres dirixen esta proposta, na que afondan na poética e no estilo persoal da autora desde unha perspectiva contemporánea, sen perder a acidez, a ironía e o drama do texto
Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga interpretan este espectáculo sobre a especulación urbanística, a sobreexplotación dos recursos naturais, o feminismo e o éxodo rural
O centro teatral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades simultanea as primeiras funcións desta peza coa despedida de Shakespeare en Roma tras preto de dous meses no Pazo de Fonseca
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023 O Centro Dramático Galego recupera para as táboas a Xohana Torres coa estrea este venres 31 da primeira produción profesional da súa obra Un hotel de primeira sobre o río, que estará en cartel no Salón Teatro de Santiago de Compostela ata o 30 de abril. Gonçalo Guerreiro e María Torres dirixen esta nova proposta da compañía da Xunta de Galicia, afondando na poética e no estilo persoal desta gran autora galega desde unha perspectiva contemporánea que non perde a acidez, a ironía e o drama presentes no texto orixinal, gañador do Premio Castelao en 1968.
Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, acompañaron o equipo do espectáculo na presentación aos medios que tivo lugar na sede do centro teatral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Baixo a dirección escénica de Guerreiro e Torres, que asinan tamén a escenografía e os textos complementarios, respectivamente, as interpretacións corren a cargo de Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga, mentres que Carolina Díguele deseñou o vestiario e a produción de arte, Manuel Fonte Loureiro, a composición musical, e Nacho Martín, a iluminación.
Na súa intervención, o responsable de Industrias Culturais incidiu en que a estrea de Un hotel de primeira sobre o río, á que preceden dous pases escolares mañá e o xoves, pon de manifesto a capacidade do Centro Dramático Galego, que esta mesma semana ofrecerá de xeito simultáneo as primeiras representacións da súa nova produción e as últimas de Shakespeare en Roma, espectáculo que o domingo rematará preto de dous meses de exhibición no Pazo de Fonseca xa con todas as localidades vendidas para os seus últimos pases.
Xira por Galicia e Portugal
Ao tempo, como explicou Sutil, a compañía pública galega retoma a dinámica de distribución e de xiras tanto para esta nova produción, que tras a estadía no Salón Teatro poderá verse en Vigo, Póvoa do Varzim (Portugal), Vimianzo, Lugo, O Barco de Valdeorras, Ourense, Narón e A Coruña, como para a vindeira participación en xullo con con Shakespeare en Roma no emblemático Festival de Teatro de Mérida ou a proposta Canta máis luz, máis sombra en México, a través da colaboración coa Compañía Nacional de Teatro dese país. “Sen esquecer o avance nos distintos proxectos europeos nos que participa e moitas outras iniciativas que retratan un Centro Dramático Galego que chegará pleno de actividade ao seu 40º aniversario en 2024”, engadiu.
A Xunta de Galicia convidou os fundadores da compañía Elefante Elegante para se poñer á fronte da posta en escena de Un hotel de primeira sobre o río co fin de reivindicar a relevancia e a vixencia da obra dramática de Xohana Torres, figura transcendental da literatura galega contemporánea. De feito, tal e como sinalan ambos directores, o seu persoal estilo e a actualidade dos temas que aborda permiten “tomar consciencia da importancia do seu labor, coidando e nutrindo a nosa lingua, tornándose en referente en feminino e fonte de inspiración”.
Carácter visionario
A adaptación de Gonçalo Guerreiro e María Torres explora os camiños trazados pola autora, poñendo en valor un “carácter visionario” que anticipou moitas das grandes crises e temáticas protagonistas neste século XXI, como a especulación urbanística, a sobreexplotacion dos recursos naturais, o feminismo, a emigración, o apego á terra ou o éxodo rural.
En Un hotel de primeira sobre o río, o texto dialoga co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais para afondar na reflexión, o cuestionamento e o debate arredor das dicotomías rural e urbano, e progreso e tradición. O espectáculo desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa, narrando a presión á que se ve sometida para que renuncie á súa terra e ás súas raíces e evocando de xeito onírico a dualidade entre a realidade e a súa imaxinación. Este mundo emocional concrétase, así mesmo, na escenografía de Gonçalo Guerreiro, deseñada para poñer a proba o equilibrio e a estabilidade dos intérpretes.
Cinco funcións semanais
Durante o seu mes de estadía no Salón Teatro, Un hotel de primeira sobre o río ofrecerá representacións ás 18,00 h. os mércores, ás 20,00 h. os xoves, venres e sábados, e tamén ás 18,00 h. os domingos, día do espectador. Como nas producións anteriores, as dos mércores serán sesións descontraídas, que se desenvolven nunha atmosfera acolledora e con máis tolerancia ao ruído e ao movemento no patio de butacas, formuladas para aquelas persoas cunha especial sensibilidade ou con necesidades sensorias específicas para a escoita e mais a comunicación.
As entradas están xa á venda a través da plataforma dixital Ataquilla.com, mentres que no despacho de billetes do Salón Teatro se poderán adquirir nos días de función desde dúas horas antes do seu inicio.