Nova: A Xunta restaurará a cuberta da igrexa de Santa María de Vilabade de Castroverde con máis de 175.000 €
28/03/2023
A Xunta restaurará a cuberta da igrexa de Santa María de Vilabade de Castroverde con máis de 175.000 €
Os traballos permitirán mellorar as condicións de humidade do templo, un dos máis de 700 BICS galegos, e garantir a conservación das pinturas murais do interior
Como expresou a directora de Patrimonio Cultural, trátase dunhas actuacións “moi necesarias para garantir a correcta conservación deste ben que na actualidade presenta unha serie de defectos e danos con varias zonas afectadas pola entrada de auga da cuberta e tamén ten algunhas patoloxías derivadas de intervencións antigas”. Neste sentido, explicou que se está a traballar na sinatura dun convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para a posta a disposición do ben que permita comezar con estes traballos.
Proteccións no campanario
Entre as actuacións previstas inclúese a renovación do enlousado da cuberta e colocación de proteccións no campanario e cuberta. Tamén se renovará e saneará a drenaxe perimetral existente e realizaranse intervencións puntuais nas carpinterías exteriores para aumentar a ventilación do interior. Incorporarase, ademais, un illante térmico na cuberta e acometeranse traballos de conservación preventiva nas pinturas murais do seu interior. O importe previsto das actuacións é de 175.941 €.
Da orde franciscana
A igrexa de Santa María de Vilabade en Castroverde ten as súas orixes na orde franciscana, cunha posible fundación inicial no século XIII, e unha posterior refundición no século XV. A súa arquitectura posúe elementos góticos e outros de épocas posteriores froito das sucesivas transformacións sufridas nos séculos XVI, XVII e XVIII.
As fachadas oeste e sur presentan abundantes elementos medievais, mentres que o pórtico da entrada principal co seu frontón e arcada frontal é neoclásica. A súa planta é dunha soa nave dividida en tres tramos por arcos apuntados cunha tribuna aos pés. O presbiterio está rematado por un valioso retablo barroco de Francisco de Moure, tras o que se desenvolve a sancristía en dúas alturas a modo de chirola. Nas paredes laterais destacan dous retablos barrocos e pinturas murais deterioradas pola humidade.
Na década dos anos 70 do século XX realizouse unha importante obra de reforma nas cubertas, na que se incorpora por riba das bóvedas uns forxados de formigón deixando un espazo baixocuberta entre ambos. Tamén nesa intervención se substitúen os revocos de cal por outros de morteiro de cemento que provocaron co paso do tempo importantes patoloxías no edificio.
A igrexa está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento. E é un dos máis de 700 BICS galegos. Está incluída no Catálogo de Protección do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde. Ademais, está situada no Camiño Primitivo.