Nova: As feiras do libro de Galicia arrancarán o vindeiro 21 de abril en Ferrol e percorrerán 14 concellos ata o mes de agosto co apoio da Xunta

29/03/2023

As feiras do libro de Galicia arrancarán o vindeiro 21 de abril en Ferrol e percorrerán 14 concellos ata o mes de agosto co apoio da Xunta

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta o calendario deste ano xunto o presidente da Federación de Librarías de Galicia Ramón Domínguez

A Coruña, 29 de marzo de 2023 As feiras do libro de Galicia arrancarán o vindeiro 21 de abril en Ferrol e percorrerán arredor dunha quincena de concellos galegos ata o mes de agosto. Así o anunciaron hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domínguez, no acto de presentación do calendario deste ano no que tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades referiuse á “frutífera e consolidada” relación da Xunta coa Federación “que un ano máis fai posible que o circuíto de feiras do libro se espalle por Galicia durante os vindeiros meses apoiando aos libreiros e ao sector editorial ao mesmo tempo que dinamizamos a lectura entre todos os públicos”, expresou.

Neste sentido, salientou a “eficacia desta iniciativa, que se complementa con distintas medidas de apoio que temos en marcha para impulsar a lectura nas bibliotecas municipais, a tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións a editoriais que se enmarcan no Plan Xeración Cultura, a folla de ruta con 34M€ coa que traballamos este ano e na que prevemos, entre outras medidas, a posta en marcha dun plan de dinamización da lectura”, explica.

O calendario comezará en Ferrol, do 21 ao 23 de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro. Continuará en Santiago de Compostela (do 29 de abril ao 7 de maio), O Porriño (do 11 ao 14 de maio) e en Lugo (do 16 ao 20 de maio). En xuño, a Feira do Libro chegará a Vilalba (do 2 ao 4 de xuño), Ourense (do 7 ao 10 de xuño), e Vigo (do 23 ao 29 de xuño). En xullo estará en Ponteareas (do 13 ao 16 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e rematará en Monforte de Lemos (do 23 ao 26).

Axenda Cultural

Ademais de avanzar o Calendario de Feiras, tamén se presentou a posta en marcha da Axenda Cultural online da Federación que se lanza co apoio da Xunta para recompilar a actividade que as librarías galegas desenvolven ao longo do ano, desde clubes de lectura ata presentacións de libros, pasando por eventos infantís ou coloquios. Esta axenda pretende ser un escaparate para todas as actividades culturais das librarías, permitindo ao público ter acceso nunha mesma web a todas as propostas culturais existentes no gremio. Tamén se fará unha acción formativa no mes de novembro.

 

Comparte