Nova: O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro intensifica a súa programación en Semana Santa con novos obradoiros e visitas guiadas
31/03/2023
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro intensifica a súa programación en Semana Santa con novos obradoiros e visitas guiadas
Como novidade deste ano, realizaranse dúas exhibicións diarias para ensinar ao público asistente as técnicas para facer lume durante a Prehistoria
Pontevedra, 31 de marzo de 2023 O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro da Xunta de Galicia ofrecerá unha programación especial para a Semana Santa con obradoiros e visitas guiadas desde o martes 4 ata o domingo 9 de abril.
Deste xeito, prográmanse actividades diarios ás 11,30 horas dirixidas ás familias. Trátase de Cerámica coas túas mans e Pintura Rupestre. Polas tardes, os obradoiros estarán dirixidos a rapaces de máis de 10 anos, que se celebrarán a partir das 17,00 horas. Trátase das actividades Caza na Prehistoria ou Graffitis no pasado. Asemade, o público poderá escoller entre varios horarios de visitas guiadas á área arqueolóxica realizadas por un monitor especializado en arte rupestre.
A novidade deste ano será a oferta gratuíta de dúas exhibicións diarias na entrada do Centro de Interpretación, ás 13,30 e 19,30 horas, coa intención de que o público coñeza como se facía lume durante a Prehistoria. Por outra parte, as persoas máis novas que participen nas actividades recibirán un agasallo especial.
Para todas as accións programadas polo centro dependente da consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é necesaria a reserva previa, por correo electrónico (reservas@paar.es) ou por teléfono (886151195).