Nova: A Xunta e a RAGBA impulsan unha programación especial para redescubrir a figura de Martín Códax, o trobador máis icónico da literatura galega

01/04/2023

A Xunta e a RAGBA impulsan unha programación especial para redescubrir a figura de Martín Códax, o trobador máis icónico da literatura galega

O responsable autonómico de Cultura refírese ao homenaxeado deste ano como o pioneiro e precursor da música galega popular

Entre as actividades previstas inclúense ciclos de concertos de cámara, recitais operísticos, espectáculos teatrais ou mostras bibliográficas

“Confío en que este ano os ritmos das súas cantigas soen por toda a xeografía galega para reivindicar a gran vixencia do seu legado”, salienta Román Rodríguez

Vigo, 1 de abril de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe no Teatro García Barbón de Vigo no acto organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) con motivo do Día das Artes Galegas 2023 dedicado a Martín Códax, no que avanzou a programación impulsada conxuntamente para redescubrir a figura do trobador máis icónico da literatura galega.

No acto, o responsable autonómico de Cultura referiuse ao homenaxeado este ano como un “pioneiro e precursor da música galega popular, que sería inconcibible sen a contribución desta figura histórica pioneiro e precursor dunha corrente artística que chega ata os nosos días”, salientou Román Rodríguez antes de lembrar que o seu legado xa lle valeu ser homenaxeado co Día das Letras Galegas no ano 1998 xunto cos tamén trobadores Johan de Cangas e Mendinho.

“Confío en que este ano os ritmos das súas cantigas de amigo soen por toda a nosa xeografía e tamén máis aló para reivindicar a gran vixencia do seu legado”, destacou o conselleiro. Así, para contribuír a súa divulgación e a celebrar a figura de Martín Códax, a Xunta de Galicia colabora coa Real Academia Galega de Belas Artes na realización dunha programación específica vinculada ao homenaxeado e que inclúe ciclos de concertos de cámara, unha guía didáctica e a xestión do Programa do Día das Artes.

Actividade nas bibliotecas da Xunta

Ademais, as bibliotecas xestionadas pola Consellería de Cultura tamén se suman a celebración cun amplo abano de actividades composto por concertos, recitais, espectáculos teatrais, mostras bibliográficas e proxeccións que comezará esta mesma tarde, ás 20,00 horas, coa actuación de LaMontagne & PicoAmperio na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura e continuará mañá, ás 12,00 horas, co recital do pianista Borja Mariño e a soprano Carolina Monaca no Edificio Fontán.

Ademais destas propostas, as bibliotecas Ánxel Casal de Santiago e Juan Compañel de Vigo tamén organizan mostras bibliográficas ao redor da figura do trobador durante todo o mes de abril, espectáculos teatrais e musiciais e proxeccións de documentais para afondar no legado artístico de Martin Códax.

 

Comparte