Nova: A Xunta reforza a modernización do sector cultural coa adxudicación de 2 M€ en axudas para os novos equipamentos de 42 empresas

03/04/2023

A Xunta reforza a modernización do sector cultural coa adxudicación de 2 M€ en axudas para os novos equipamentos de 42 empresas

 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades concede estas subvencións como medida transversal do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural

Incidirán na actividade industrial nos ámbitos do audiovisual, a música, as artes escénicas e a loxística e produción de espectáculos

As contías adxudicadas investiranse na adquisición de maquinaria, pantallas, cámaras, sistemas de son e iluminación ou servizos de software, así como para obras de acondicionamento de platós, estudios e outras instalacións técnicas

Este fondo tecnolóxico entronca coas medidas inseridas no eixe do Plan Xeración Cultura destinado á innovación, dixitalización e modernización
 

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023 A Xunta acaba de resolver a adxudicación de 2M€ en axudas a 42 empresas culturais galegas para a adquisición de novos equipamentos que reverterán directamente nunha maior competitividade e nivel de innovación do sector na nosa Comunidade. As contías outorgadas destinaranse a nova maquinaria, pantallas, cámaras, sistemas de son e iluminación e servizos de software, entre outros activos, así como para obras de acondicionamento de platós, estudios e outras instalacións técnicas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou hoxe as instalacións dos estudios de dobraxe Cinemar no polígono Novo Milladoiro, en Ames, que recibiu máis de 96.800 euros a través desta canle de financiamento. A concesión posibilitaralles accións de mellora en tres das súas salas de traballo, o que lles permitirá duplicar a súa capacidade de produción, así como prestar un servizo conforme aos últimos requirimentos tecnolóxicos das plataformas. 

Este fondo tecnolóxico, convocado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades como unha das medidas transversais do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, entronca nos seus obxectivos co eixo do Plan Xeración Cultura destinado á innovación, dixitalización e modernización, e que terá o seu impulso normativo coa nova Lei de Cultura Dixital.

Segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, as empresas subvencionadas desenvolven a súa actividade maioritariamente nos ámbitos do audiovisual, a música, as artes escénicas, a loxística e a produción de espectáculos. Non se inclúen nesta relación as salas de cine, de artes escénicas e de música, que xa contan con liñas específicas de axudas neste mesmo sentido.

Así, ademais de Cinemar, figuran como adxudicatarias CTV, Emsac, Tex45, Work on Sunday, Ainé, Kachet, Ficción, PlayPlan Cultural, Undodez, Gaita Films, Nalgures, Zeitun Films, Chiripa, Mondotropo, Etiqueta Negra, Mirameria, Producións Teatrais Excéntricas, Tanxarina, Abano ou Pistacatro, entre outras compañías e produtoras.

Axudas de ata o 80%

Coas contías adxudicadas, que van dos 15.000 aos 100.000 euros por empresa, a Xunta asume ata o 80% do gasto subvencionable dos proxectos de inversión beneficiarios, que teñen un orzamento mínimo de 25.000 euros en cada caso.

A modernización e xestión sustentable dos espazos e as empresas culturais centran, así mesmo, outras liñas de axudas da Xunta especificamente dirixidas a espazos de exhibición de artes escénicas e musicais e a salas de cinema, Así, en 2022 adxudicáronse 1,2 millóns de euros dos Fondos Next Generation da UE para a mellora de 46 teatros, auditorios e salas de toda a Comunidade, 26 deles privados e 20 de titularidade pública. A segunda convocatoria desta liña de apoio atópase nestes momentos en fase de resolución cara á adxudicación dun novo investimento de preto de 890.000 euros.

En canto ás salas de cinema, a convocatoria deste ano mantén a dotación de 500.000 euros respecto ao ano pasado, no que se contribuíu á modernización e funcionamento dixital e sustentable de 16 espazos de exhibición cinematográfica de toda Galicia.

Este conxunto de axudas supón unha importante inxección económica para o sector cultural galego na súa reactivación tras as restricións sanitarias da pandemia, que implicaron tamén unha aceleración nos cambios de consumo cultural a nivel mundial. En todas estas convocatorias, estase a poñer especial atención no fomento da competitividade a través da actualización tecnolóxica, facendo fincapé no apoio á dixitalización, innovación, xeración de novos públicos e incremento da eficiencia enerxética e da sustentabilidade ambiental.

Comparte