Nova: A 10ª edición do mercado de artes escénicas Galicia Escena Pro ofrecerá pases e presentacións de 30 espectáculos galegos

05/04/2023

A 10ª edición do mercado de artes escénicas Galicia Escena Pro ofrecerá pases e presentacións de 30 espectáculos galegos

Serán 18 as compañías que realizarán funcións completas das súas últimas producións e outras 12 avanzarán proxectos en formato ‘pitching’ do 29 de maio ao 1 de xuño en Santiago de Compostela

O obxectivo deste encontro é incentivar as contratacións por parte de concellos, circuítos e festivais

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023 Galicia Escena PRO, o mercado de artes escénicas promovido pola Xunta e organizado en colaboración coa asociación profesional do sector Escena Galega, desenvolverase do 29 de maio ao 1 de xuño en Santiago de Compostela arredor dos 30 espectáculos e proxectos escollidos para configurar a edición do décimo aniversario deste evento.

A partir da convocatoria aberta á que concorreron preto de 86 propostas, unha comisión de selección encargouse de configurar a escolma dos 18 títulos que levarán a cabo funcións en formato completo, así como os 12 proxectos que ocuparán as presentacións rápidas tipo ‘pitching’.

A listaxe resultante combina a presenza de compañías de longa traxectoria no panorama teatral galego xunto con formacións de máis recente creación e espectáculos de distintas disciplinas que se atopan na primeira fase do seu percorrido polos escenarios. Tamén conviven nela o teatro de texto, a danza e o circo coas montaxes másis próximas ás novas linguaxes escénicas, tanto para público adulto como familiar.  

Carteleira para público xeral e acreditado

Os espectáculos e compañías que protagonizarán os pases completos son 3240, DeuVe; A nai, de Amorodio Teatro; Alleo, de Colectivo Glovo; Backstage, NegroLópez;-Bionic, de Entremans; Arraianos, de Sarabela Teatro; Crisálida, Caramuxo Teatro; Hamelin, de Redrum Teatro; In-gobernable, de Uxía Morán; Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana; Mosca, de Ártika Cía.; MULTIPERSPECTIVAS #2, de Paula Quintas Cía.; Outrora nós, de Mevadeus: Sofá, de Marta Alonso Tejada; Solo, de Roi Borrallas; Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro; Vaivén, de Marcia Vázquez; e Vestirme de ti, de Furia Sotelo, que terá a súa estrea absoluta en Galicia Escena PRO 2023.  

Á anterior programación poderá acceder tamén o público xeral, en tanto que as presentacións rápidas en formato pitching están reservadas ás persoas acreditadas no evento, xa que nelas se avanzarán os contidos de proxectos aínda en fase de produción. Trátase de X, de Fran Sieira Compañía de Danza; Anöa, de Elvi Balboa; Birds on a Wire, de Pistacatro; Compaña, de Xampatito Pato; Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro; Entrega en man, de Contraproducións; Frío, de A Feroz; Iribarne, de ButacaZero; Kyoki, de Elefante Elegante; Monstros, de Producións Teatrais Excéntricas; Nanai da China, de Pérez&Fernández: e  Perder a lingua, de Eva Comesaña.

O Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca e outras localizacións ao aire libre serán os espazos principais que acollerán Galicia Escena PRO 2023, que de novo volverá contar cunha zona profesional e de negocio para favorecer a interrelación entre os representantes das compañías e os programadores culturais acreditados por parte de entidades locais, circuítos de distribución e festivais.

 

Comparte