Nova: O Proxecto Nós intensifica o traballo pola inclusión do galego na intelixencia artificial
14/04/2023
O Proxecto Nós intensifica o traballo pola inclusión do galego na intelixencia artificial
A iniciativa presentará nos próximos meses os primeiros resultados
Os recursos xerados facilitarán a presenza do galego no actual panorama tecnolóxico e poderán ser usado por institucións públicas, empresas e a cidadanía
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2023 A Xunta de Galicia segue a traballar nun dos seus principais propósitos dos últimos anos, a inclusión da lingua galega nos ámbitos de aplicación da intelixencia artificial. Así o confirmou esta mañá na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, onde compareceu a petición propia.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades falou do Proxecto Nós, que no marco das estratexias galega, española e europea “persegue o desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso de todas as linguas na intelixencia artificial”.
Impulsado inicialmente pola Xunta e a Universidade de Santiago, o proxecto, ao que se sumarán proximamente as universidades da Coruña e de Vigo foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua. Durante este ano presentan os seus primeiros resultados para facilitar a presenza e uso do galego no actual panorama tecnolóxico, permitindo a súa incorporación en sistemas xa existentes e posibilitando así a interacción en lingua galega con todo tipo de dispositivos intelixentes.
Doutra banda, as ferramentas resultantes, como sistemas de síntese de voz ou de tradución automática, poderán ser empregadas tanto por institucións públicas, organizacións e empresas como polo público xeral, potenciando desde modo o uso do galego no ámbito dixital e, polo tanto, nas novas interaccións sociais.