Nova: A Xunta edita o novo catálogo ‘Danza Galicia’ con 82 espectáculos de 36 compañías profesionais

19/04/2023

A Xunta edita o novo catálogo ‘Danza Galicia’ con 82 espectáculos de 36 compañías profesionais

Inicia a súa difusión entre os axentes acreditados no festival Dansa València, un dos encontros estratéxicos cara á promoción exterior da produción coreográfica galega

O lanzamento desta iniciativa responde a unha das medidas do Plan Integral para a Danza de Galicia dentro do eixe relacionado co impulso á exhibición e contratación desta disciplina escénica

 

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023 A Xunta acaba de publicar a primeira edición do catálogo dixital Danza Galicia co fin de contribuír a unha maior visibilidade dos espectáculos coreográficos producidos na nosa Comunidade mediante a súa promoción en encontros considerados estratéxicos para o sector. É o caso do festival Dansa Valéncia, no que estes días participan uns 180 axentes culturais de toda España e do estranxeiro e no que está a arrancar a difusión desta nova publicación na que se recollen 82 espectáculos de 36 compañías profesionais.

Esta recompilación dá conta da variedade estilística e temática das montaxes de danza e artes do movemento que se producen na actualidade en Galicia, con propostas de danza contemporánea, urbana, tradicional, acrobática ou mesmo tango, así como con achegas heteroxéneas que mesturan diferentes disciplinas, creadas tanto para público adulto como para o familiar e levadas a escena tanto por compañías xa consolidadas como por nomes emerxentes no panorama coreográfico galego.

Versións en galego e castelán

A publicación, que conta con edición en galego e en castelán, ofrece datos prácticos sobre as compañías inscritas, así como sobre os espectáculos que teñen en cartel, pensando especialmente na súa distribución entre responsables de programación de teatros, auditorios, salas, circuítos ou festivais dentro e fóra de Galicia.

As formacións rexistradas son Cía Aïda Colmenero Cía, ButacaZero, Can Cun Quinqué, Caramuxo Teatro, Colectivo Glovo, Daniel Rodríguez, D’Elas, Desfoga, Determinada Compañía, Disicen.Cía, Elahood, Elvi Balboa, Cía Entremans, Et Suseia Danza!, Eva Comesaña, Cía Exire, Experimenta Danza, Félix Fernández, Fran Siera Compañía de Danza, Funboa Escénica, IXA, Kirenia Danza, Laboratorio Escénico, Marcia Vázquez, Marta Alonso Tejada, Nelson Quinteiro Producións, Nova Galega de Danza, Óscar Cobos Cía de Danza,Paula Quintas Cía, Pisando Ovos, PistaCatro, Punto y Waak, Sil Producciones, Tango en Galicia, Tuatha e VacaBurra.

A súa elaboración, a partir dunha convocatoria aberta a todas as compañías profesionais interesadas en figurar no catálogo, responde ademais a unha das acción contempladas no Plan Integral para a Danza de Galicia para o desenvolvemento do obxectivo dirixido a potenciar a proxección exterior e a internacionalización do sector, dentro da liña estratéxica para impulsar a exhibición e distribución da danza e as artes do movemento.

Comparte