Nova: A Fundación Granell acolle a homenaxe pictórica de Isabel Pintado e Alfonso Costa á traxectoria vital de María Casares

20/04/2023

A Fundación Granell acolle a homenaxe pictórica de Isabel Pintado e Alfonso Costa á traxectoria vital de María Casares

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na apertura da exposición ‘Escenarios de paixón’, que pode visitarse ata o 25 de xuño

Percorre as diferentes etapas da vida e da actividade interpretativa da actriz coruñesa, cuxo centenario se celebrou o pasado ano

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da mostra Escenarios da paixón. Homenaxe a María Casares na Fundación Eugenio Granell. Un achegamento pictórico que percorre as diferentes etapas da vida e da actividade interpretativa da actriz coruñesa e que pode visitarse ata o vindeiro 25 de xuño

O representante da Xunta de Galicia destacou o excelente traballo de Isabel Pintado e Alfonso Costa nesta homenaxe plástica a María Casares. “Dous prolíficos artísticas que poñen o seu talento ao servizo da memoria desta insigne galega cuxo centenario celebramos o pasado ano”, salientou. No acto participou tamén o profesor e crítico de arte Carlos L. Bernárdez, que presentou a mostra.

A través do papel, o lenzo e a propia paleta, en formatos e tamaños diversos, a exposición aborda tanto a relación entre a pintura e o teatro como a traxectoria vital dunha actriz que foi testemuña directa de decisivos acontecementos históricos e, tras o seu exilio, estivo vencellada á intelectualidade francesa de mediados do século XX.

A posta en escena da mostra rememora, ademais, a relación de afecto e de admiración manifestada por Eugenio Granell no seu libro Memorias de Compostela á familia Quiroga Casares, dos que foi veciño cando María era unha nena.

 

Comparte