Nova: Aberta a convocatoria de axudas para a participación das galerías de arte galegas en feiras e mercados nacionais e internacionais
23/04/2023
Aberta a convocatoria de axudas para a participación das galerías de arte galegas en feiras e mercados nacionais e internacionais
O prazo para presentar solicitudes remata o 15 de maio
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023 A Xunta de Galicia abriu xa a convocatoria de axudas para apoiar ás galerías de arte na súa participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade galega. Como publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) destínase unha achega de 50.000 euros para colaborar cos profesionais que estean interesados a participar ao longo deste ano neste tipo de eventos.
Como se recolle nas bases, no caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, pero fóra de Galicia, os beneficiarios recibirán un máximo de 2.000 euros, mentres que a axuda será de 4.000 euros se se trata de eventos internacionais. Outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva.
O prazo para presentar solicitudes rematará o vindeiro 15 de maio e poderán ser beneficiarias da subvención as persoas físicas ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades en Galicia, que teñan asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2023.
Tamén debe estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas na actividade para a que solicitan a subvención, ter a inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado e acreditar a relación dos asistentes coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da empresa beneficiaria.