Nova: Paula Quintas Cia estrea no Festival 6coreógrafas da Estrada o espectáculo coproducido pola Xunta “O salón dos pasos perdidos”
24/04/2023
Paula Quintas Cia estrea no Festival 6coreógrafas da Estrada o espectáculo coproducido pola Xunta “O salón dos pasos perdidos”
O director da Axencia Galegas das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación da terceira edición do evento, que conta tamén co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades
Esther Latorre, Fran Martínez, Hugo Pereira e Paula Quintas son os creadores e intérpretes desta peza, con música orixinal de Mounqup, que tivo a súa primeira función pública este mediodía nun pase escolar no Teatro Principal estradense
Duelirium, Marcia Vázquez e Colectivo Glovo figuran no cartel da mostra, que se desenvolve hoxe e o vindeiro sábado 29 con motivo da celebración do Día Internacional da Danza
A Estrada (Pontevedra), 24 de abril de 2023 A Estrada acolle por terceiro ano consecutivo o festival 6coreógrafas, que volve contar coa colaboración da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento hoxe e o vindeiro sábado 29, Día Internacional da Danza, cun cartel que inclúe catro espectáculos galegos e dous obradoiros. A mostra arrancou este mesmo mediodía no Teatro Principal estradense coa estrea O salón dos pasos perdidos, de Paula Quintas Cía, un dos tres espectáculos apoiados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria de coproducións do Centro Coreográfico Galego 2022.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación desta terceira edición da mostra e asistiu, a continuación, ao primeiro pase público de O salón dos pasos perdidos, nunha función especial para público escolar antes da súa estrea oficial o vindeiro mes de maio no Festival Cervandantes da localidade madrileña de Alcalá de Henares.
A peregrinación como punto de partida
Esther Latorre, Fran Martínez, Hugo Pereira e Paula Quintas son os creadores e intérpretes desta peza, con música orixinal de Mounqup, ideada prioritariamente para a súa exhibición en espazos abertos. A montaxe xunta catro camiñantes impulsadas polo sentido purificador que se atopan na peregrinación común da vida. A reflexión sobre o tempo, o espazo e mais o territorio na construción dunha memoria conxunta son algunhas das claves da peza.