Nova: A II edición do Festivalle porá en valor o legado de Valle-Inclán este verán

24/04/2023

A II edición do Festivalle porá en valor o legado de Valle-Inclán este verán

O conselleiro destaca o do dramaturgo como “un legado que segue sendo unha fonte inesgotable de inspiración para xeracións enteiras”

A cita desenvolverase entre o 10 e o 15 de xullo en Vilanova de Arousa e contará coa estrea absoluta do último espectáculo de ‘El Brujo’ arredor do autor galego

Román Rodríguez asiste á lectura dramatizada de ‘Luces de bohemia’ no marco das actividades coas que o Ateneo de Madrid homenaxea ao que foi o seu presidente

Madrid, 24 de abril de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta tarde na Casa de Galicia de Madrid na presentación da segunda edición do Festivalle. Un festival de teatro para homenaxear a Valle-Inclán e recuperar a súa dramaturxia, “un legado que segue sendo unha fonte inesgotable de inspiración para xeracións enteiras de dramaturgos en todo o planeta”, explicou o representante da Xunta de Galicia.

Román Rodríguez destacou a importancia de “seguir trasladando a novos públicos a obra do autor e consolidar o festival como un punto de prestixio dramatúrxico contemporáneo” e felicitou á Asociación de Amigos de Valle-Inclán “pola súa iniciativa para seguir divulgando e ofrecendo novas olladas ás súas obras”.

“A mellor forma de lembrar a un autor é a través da súa obra, e por iso dende a Xunta de Galicia queremos seguir brindando o noso apoio a este Festival de Teatro Valle-Inclán, unha nova ocasión para admirar a universalidade do seu traballo e a grandeza do seu talento”, rematou o conselleiro.

Programación

O Festivalle desenvolverase entre o 10 e o 15 de xullo de 2023 en Vilanova de Arousa e incluirá seis producións teatrais. Así, o luns 10 representarase Don Ramón del Valle-Inclán, un monólogo de Pedro Casablanc, acompañado do pianista, baseado no texto de Gómez de la Serna, espectáculo estreado en datas recentes no Teatro Español de Madrid.

O martes 11 será a quenda de Morfeo Teatro con Los cuernos de Don Friolera, o mércores 12 de El alma de Valle-Inclán, a cargo de Rafael Álvarez El Brujo quen, o xoves 13, presentará no festival La lámpara maravillosa, a estrea absoluta desta edición. O venres 14 a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia ofrecerá a súa representación de A cabeza do Bautista, e o sábado, como remate da programación, a compañía El callejón del Gato deleitará ao público infantil con La cabeza del dragón.

No marco da oferta complementaria organizarase unha exposición de debuxos de Siro López sobre personaxes de Valle-Inclán e está previsto lanzar unha nova edición do curso académico xa celebrado na primeira edición arredor da súa obra. Así mesmo, retomarase a ruta turístico-cultural A xeografía de Valle-Inclán, que en 2022 percorreu lugares relacionados coa vida do autor ou citados nas súas obras.            

No acto participaron tamén o director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o presidente da entidade organizadora, a Asociación de Amigos de Valle-Inclán, José María Paz Gago, e o director do festival, José Luis Méndez Romeu, entre outras autoridades.

Vida e teatro de Valle no Ateneo

O conselleiro asiste tamén esta tarde á lectura dramatizada de Luces de bohemia organizada polo Ateneo de Madrid no marco das actividades que esta entidade realiza, con ocasión do seu bicentenario, en homenaxe ao que fora o seu presidente en 1932. Dirixida por Miguel Rellán e narrada por Carlos Bardem (encargado de ler as acotacións), a lectura conta coa participación dun amplo elenco de nomes do máis destacado da interpretación española como Beatriz Carvajal, María Garralón, Javier Gutiérrez, Luisa Martín, Luis Merlo ou Secun de la Rosa, entre outros.

A homenaxe no Ateneo continuará este martes cunha xornada de coloquios arredor da vida e a obra de Valle-Inclán, que incluirán a presentación da primeira adaptación ao xénero lírico da zarzuela de Luces de bohemia a cargo do compositor galego Juan Durán e do ensaísta José Luis Méndez Romeu.

 

Comparte