Nova: O Centro Dramático Galego inicia o día 4 de maio en Vigo a xira de ‘Un hotel de primeira sobre o río’

26/04/2023

O Centro Dramático Galego inicia o día 4 de maio en Vigo a xira de ‘Un hotel de primeira sobre o río’

O director da compañía pública, Fran Núñez; a codirectora do espectáculo, María Torres, e mais a directora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, presentan o espectáculo no Teatro Afundación da cidade olívica

A obra de Xohana Torres, con dirección e dramaturxia de Gonçalo Guerreiro e María Torres, está interpretada por Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga

A montaxe viaxará despois a Póvoa do Varzim (Portugal), Vimianzo, Lugo, O Barco de Valdeorras, Ourense, Narón e A Coruña

 

Vigo, 26 de abril de 2023 O Centro Dramático Galego inicia en Vigo a xira do espectáculo Un hotel de primeira sobre o río, cunha función que terá lugar o vindeiro día 4, ás 20,30 h., no Teatro Afundación. A obra de Xohana Torres dirixida por Gonçalo Guerreiro e María Torres, viaxará durante o mes de maio a outros sete escenarios de Galicia e Portugal, despois da súa estrea o pasado 31 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela, escenario do que se despide esta fin de semana.

O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; a directora de escena María Torres, e a directora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, presentaron hoxe aos medios de comunicación as claves desta montaxe, a segunda produción propia para 2023 do Centro Dramático Galego, na que se abordan temas como a especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigamento.

Baixo a dirección escénica de Guerreiro e Torres, que asinan tamén a escenografía e os textos complementarios, respectivamente, as interpretacións corren a cargo de Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga, mentres que Carolina Díguele deseñou o vestiario e a produción de arte, Manuel Fonte Loureiro, a composición musical, e Nacho Martín, a iluminación. Da asistencia de produción ocúpase José Díaz e da dirección de xira, Laura R. Duarte.

Vixencia e carácter visionario

A Xunta de Galicia convidou os fundadores da compañía Elefante Elegante para se poñer á fronte da posta en escena de Un hotel de primeira sobre o río co fin de reivindicar a relevancia e a vixencia da obra dramática de Xohana Torres, figura transcendental da literatura galega contemporánea. De feito, tal e como sinalan, o seu persoal estilo e a actualidade dos temas que aborda permiten “tomar consciencia da importancia do seu labor, coidando e nutrindo a nosa lingua, tornándose en referente en feminino e fonte de inspiración”.

A adaptación explora os camiños trazados pola autora, poñendo en valor un “carácter visionario” que anticipou moitas das grandes crises e temáticas protagonistas neste século XXI, como a especulación urbanística, a sobreexplotacion dos recursos naturais, o feminismo, a emigración, o apego á terra ou o éxodo rural.

En Un hotel de primeira sobre o río, o texto dialoga co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais para afondar na reflexión, o cuestionamento e o debate arredor das dicotomías rural e urbano, e progreso e tradición. O espectáculo desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa, narrando a presión á que se ve sometida para que renuncie á súa terra e ás súas raíces e evocando de xeito onírico a dualidade entre a realidade e a súa imaxinación. Este mundo emocional concrétase tamén na escenografía, deseñada para poñer a proba o equilibrio e a estabilidade dos intérpretes.

Nove funcións na xira

Tras o seu paso por Vigo, Un hotel de primeira sobre o río representarase no Garrett Theatre de Póvoa de Varzim (Portugal) o 6 de maio ás 21,30 h. Volverá despois a Galicia para visitar Vimianzo (Casa da Cultura, día 7 ás 18,30 h.), Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, día 11 ás 20,30 h.), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, día 12 ás 21,00 h.), Ourense (Teatro Principal, día 16 ás 20,00 h.), Narón (Pazo de Cultura, días 19 e 20 ás 20,30 h. e 20,00 h., respectivamente) e A Coruña (Teatro Rosalía Castro, día 21 de maio ás 20,30 h.).

As localidades para asistir ao espectáculo no Teatro Afundación de Vigo pódense adquirir en liña a través de ataquilla.com e nos puntos de venda habituais.

Comparte