Nova: As Torres Hejduk ilumínanse de azul polo Día da Concienciación do Autismo
01/04/2015
As Torres Hejduk ilumínanse de azul polo Día da Concienciación do Autismo
A Cidade da Cultura, en colaboración coa Asociación Por Dereito e Aspanaes, súmase ao movemento ‘light it up blue’ en apoio ás persoas con autismo e ás súas familias
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2015.- As Torres Hejduk do Gaiás iluminaranse de azul para conmemorar o Día Internacional da Concienciación do Autismo, que se celebra cada 2 de abril en todo o mundo. A Cidade da Cultura súmase así por segundo ano consecutivo ao movemento ‘Light it up blue’, que tingue de azul monumentos emblemáticos para visibilizar este trastorno e mostrarlle o seu apoio ás persoas con autismo e ás súas familias.
Esta iniciativa realízase en colaboración coa Asociación Por Dereito, integrada por preto de cen familias de persoas con autismo das catro provincias galegas e que defende os dereitos dos afectados, ademais de perseguir a súa integración, educación e apoio social; e por Aspanaes, Asociación de Pais de Persoas con Trastorno con Espectro Autista.
A partir das 20:30 horas de hoxe, véspera do Día da Concienciación do Autismo, as Torres Hejduk tornaranse azuis coa presenza dos membros da Asociación Por Dereito nunha convocatoria lúdica para reivindicar unha maior concienciación e visibilización dun trastorno que afecta a un de cada 150 nenos e nenas galegas.
Con este acto simbólico, a Cidade da Cultura súmase ao movemento ‘Light it up blue’, promovido por Autism Speaks, xunto a outros monumentos emblemáticos como a Torre Agbar de Barcelona ou a Cidade das Artes e as Ciencias de Valencia. Galicia xa formara parte desta iniciativa en anteriores edicións a través do Concello de Cambados, que iluminou de azul a reprodución da estatua da Naiciña de Asorey, ou da Torre de Hércules da Coruña.