Nova: A Xunta apoia ‘Fatum’, a nova película de Vaca Films rodada na Coruña que chega mañá aos cines

27/04/2023

A Xunta apoia ‘Fatum’, a nova película de Vaca Films rodada na Coruña que chega mañá aos cines

Luis Tosar, Álex García e Elena Anaya protagonizan o debut do galego Juan Galiñanes na dirección de longas, que contou cunha subvencións de 250.000€

A Coruña, 27 de abril de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asistiron á preestrea do filme Fatum, de Vaca Films, que conta co apoio da Xunta e que poderá verse desde mañá nos cines de toda España.

Acompañaron o equipo do filme Fatum, nos Cantones Cines da Coruña, cidade que acolleu a meirande parte da súa rodaxe na primavera do ano pasado. O Goberno autonómico apoiou economicamente o proxecto desde o inicio da idea do cambadés Juan Galiñanes -no que supón o seu debut na dirección de longametraxes- e posteriormente co investimento de preto de 250.000 euros a través da convocatoria de subvencións de 2021.

Os representantes da Xunta felicitaron persoalmente o realizador galego, os produtores Emma Lustres e Borja Pena e o resto do equipo por este thriller, que se poderá ver desde mañá mesmo nas salas comerciais de toda España. Asistiron tamén Luis Tosar, Elena Anaya, Álex García e Luisa Mayol, ademais de parte do elenco galego do filme con nomes como Xabier Deive, Paula Morado, Ricardo de Barreiro, Xavier Estévez, Dani Medín, Nacho Castaño, Machi Salgado ou Adrián Castiñeira.

Arón Piper e Pepa Gracia figuran tamén no reparto desta longametraxe, con guión do propio Galiñanes e de Alberto Marini. De feito, o xermolo de Fatum remóntase a 2013, cando o seu director acadou unha das axudas da Xunta á promoción do talento audiovisual galego para a escrita deste guión, que se materializou da man de Vaca Films en coproducción con Playtime e coa participación de RTVE, Amazon e TVG.

 

Vinte aniversario da produtora coruñesa

A produtora coruñesa, que este 2023 celebra o seu 20º aniversario, define a súa nova película como “un trepidante e emocionante thriller”, que transcorre en tan só 12 horas co atraco a unha casa de apostas como detonante. Así, Fatum é unha sorprendente visión sobre o peso do destino e do azar nas vidas dos protagonistas e no seu futuro máis inmediato. Trátase dun filme de acción, pero tamén cun fondo contido social, no que a tensión vai mudando desde o físico ao emocional.

Rodada integramente en Galicia, a película contou no seu equipo técnico con destacados profesionais da industria audiovisual a nivel estatal como Alejandro de Pablo na dirección de fotografía, Alexandra Fernández na de arte, Lu Rodríguez na montaxe, Carlos Mouriño e Diego Staub no son ou Manuel Riveiro na composición da banda sonora.

Comparte