Nova: A Xunta colabora cos organizadores do Verbena Fest, que se celebrará en Sarria os días 4 e 5 de agosto
28/04/2023
A Xunta colabora cos organizadores do Verbena Fest, que se celebrará en Sarria os días 4 e 5 de agosto
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, mantivo un encontro cos organizadores do evento, que alcanza a quinta edición
Sarria (Lugo), 28 de abril de 2023 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha xuntanza cos organizadores do Verbena Fest de Sarria, José Castro e Héctor Sánchez, entre outros, para concretar a colaboración do Goberno galego co evento.
A quinta edición do Verbena Fest celebrarase os días 4 e 5 de agosto e terá de novo como escenario o local Meigallo, cunha terraza ao aire libre con capacidade para 1000 persoas. O sábado celebrarase a xornada principal, con música desde as 13.00 horas; os concertos serán de balde ata as 20.00 horas e a continuación de pago ata as 2.00 horas da madrugada do domingo.
As entradas darán acceso aos concertos de Second, Sexy Zebras, Kamikaze Helmets e El Chico López. O cartel do sábado completarase coa actuación previa, pola tarde, de Malenne, Louband e Los Naipes.
A gastronomía é un valor engadido para o festival, con varios postos de comida no recinto, nos que se ofrecen pratos típicos ou de fusión de gran calidade elaborados por cociñeiros locais.
Ademais, este ano o festival servirá de marco para que distintos colectivos e asociacións de Sarria instalen stands informativos para dar a coñecer o seu traballo.