Nova: A Xunta licita obras de restauración na igrexa de Santa Rita de Xuvia, en Narón, cun investimento de preto de 173.000 euros

28/04/2023

A Xunta licita obras de restauración na igrexa de Santa Rita de Xuvia, en Narón, cun investimento de preto de 173.000 euros

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica o inicio do proceso de contratación desta obra que conta cun prazo de execución de tres meses

As empresas interesadas en acometer os traballos dispoñen ata o vindeiro 18 de maio para presentar as súas ofertas

As obras contemplan a renovación dos morteiros nas partes baixas do inmoble

 

Ferrol, 28 de abril de 2023 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sacou a licitación as obras de restauración de morteiros das zonas baixas da igrexa de Santa Rita de Xuvia, en Narón, cun investimento de 172.960 euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou onte a contratación destas actuacións, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 18 de maio. Os traballos contan cun período de execución de tres meses.

A igrexa de Santa Rita de Xuvia, protexida polo seu valor cultural ao ser un ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio de Galicia, presenta na actualidade unha serie de problemas derivados do mal estado de conservación dos morteiros das partes baixas do interior da igrexa e nas torres, así como problemas de oxidación de certos elementos metálicos derivados da presenza de humidade e filtracións no interior do inmoble.

As obras incluídas neste contrato contemplan a renovación dos morteiros, aplicando un novo revoco de morteiro de cal deshumidificante e pintura de silicato, así como a limpeza e posterior pintado con esmalte fronte á corrosión dos elementos metálicos.

Comparte