Nova: A Xunta promove ata outubro 18 novas actuacións de música e baile tradicionais no marco do ciclo ‘Danza 3’
30/04/2023
A Xunta promove ata outubro 18 novas actuacións de música e baile tradicionais no marco do ciclo ‘Danza 3’
A Alameda de Mondoñedo será mañá o punto de encontro coa proposta de rúa de Xacarandaina, á que seguirán este mes outras dúas citas en Manzaneda e Ribeira
A devandita formación, xunto con O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, retoma esta serie de espectáculos en concellos das catro provincias
O resto de localidades participantes na undécima edición deste programa son Allariz, Arteixo, Carnota, Cerdedo-Cotobade, Dumbría, Gondomar, Lourenzá, Mos, Monforte de Lemos, Muros, Narón, Rianxo, Salvaterra do Miño e Vilanova de Arousa
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2023 A Alameda de Mondoñedo acolle mañá ás 17,30 horas a actuación da formación Xacarandaina dentro de Danza 3, o ciclo promovido pola Xunta de Galicia e o devandito colectivo e mais O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, que chega este ano á súa undécima edición difundindo a danza e a música tradicionais de Galicia.
Esta programación, que comezou o pasado 16 de abril coa representación de Cantigas e Agarimos en Vedra, continuará ata o mes de outubro ata chegar a 18 concellos galegos con cadansúa cita coa cultura popular galega, a maior parte delas en localizacións exteriores e formatos que facilitan o encontro do público.
Allariz, Arteixo, Carnota, Cerdedo-Cotobade, Dumbría, Gondomar, Lourenzá, Manzaneda, Mos, Monforte de Lemos, Muros, Narón, Rianxo, Ribeira, Salvaterra do Miño e Vilanova de Arousa completan a relación de localidades participantes este ano en Danza 3, que se leva a cabo no marco dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e o colectivo XOC, que aglutina as devanditas agrupacións culturais.
Seis actuacións para cada colectivo
Tras a función de mañá en Mondoñedo, Danza 3 continuará a próxima semana con Cantigas e Agarimos na praza do Concello de Manzaneda (sábado 13 ás 18,30 h.) e ao día seguinte en Ribeira, cun pasarrúas pola zona do malecón e a praza García Bayón, que dará comezo ás 18,00 h.
Xa no mes de xuño, O Fiadeiro actuará en Gondomar (recinto da igrexa de Mañufe, día 18) e Xacarandaina en Muros (praza do Concello, día 30). O calendario de actividade prolongarase durante todo o verán e rematará o 22 de outubro, coa visita de Xacarandaina a Arteixo. Nesa data, cada unha das tres formacións participantes terán realizado seis actuacións nos distintos concellos, catro delas centradas no repertorio de danza e dúas, eminentemente musicais.
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades renova así a súa colaboración anual co colectivo XOC, que traballa para lle dar visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.