Nova: A Xunta abre a convocatoria para o patrocinio de festivais de música baixo a súa marca FEST Galicia
08/05/2023
A Xunta abre a convocatoria para o patrocinio de festivais de música baixo a súa marca FEST Galicia
O DOG publica hoxe as condicións de adhesión á sexta temporada desta iniciativa, dotada con 250.000 euros para eventos organizados de xeito profesional e cun valor engadido á experiencia musical, tanto desde o punto de vista cultural como turístico
Adiántase o prazo de celebración das citas patrocinadas, que deben desenvolverse entre o 15 de maio e o 30 de setembro de 2023
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2023 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as condicións de adhesión de festivais de música á marca FEST Galicia, na que é a sexta edición desta iniciativa para a promoción da nosa Comunidade como destino musical de calidade. En 2023, o Goberno galego destina unha dotación de 250.000 euros para levar a cabo contratos de patrocinio con promotoras privadas deste tipo de eventos musicais.
Este ano o período de celebración dos encontros FEST Galicia esténdese do 15 de maio ao 30 de setembro, adiantándose un mes e medio respecto á convocatoria de 2022. Todos eles deben estar xestionados de xeito profesional e ofrecer un valor engadido á experiencia musical, tanto desde o punto de vista cultural como turístico.
Dáselle así continuidade a unha iniciativa que naceu co propósito de promover a industria cultural galega, poñendo o foco na capacidade destes encontros para atraer visitantes e avanzar na proxección de Galicia como destino musical, na vertebración do territorio desde a sustentabilidade social e medioambiental, e na adopción de boas prácticas que sirvan como referencia ao sector.
Solicitudes ata o 30 maio
O prazo de solicitude para a adhesión a FEST Galicia 2023 estará aberto desde mañá e ata o vindeiro 30 de maio a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Como en convocatorias anteriores, materializarase a través da sinatura de contratos de patrocinio privado para a celebración de festivais consolidados e considerados estratéxicos no seu ámbito.
Ademais de se celebrar no período temporal establecido, o eventos deberán ter realizado tres edicións anteriores, o 95 % da súa capacidade será cuberta con entradas de pago e o seu orzamento en 2022 tivo que ser superior aos 125.000 euros.
FEST Galicia súmase a outras das iniciativas a través das que a Xunta apoia o labor de dinamización cultural e turística desenvolvido polos festivais de música. É o caso da convocatoria anual de subvencións da Consellería de Cultura, Educación FP e Universidades, que nestes momento se atopa en tramitación cara á adxudicación da súa dotación de 360.000 euros.