Nova: O Salón Teatro de Santiago acolle a Matarile para 10 funcións de ‘Fráxil’, en coprodución co Centro Dramático Galego e o Teatro Español de Madrid

09/05/2023

O Salón Teatro de Santiago acolle a Matarile para 10 funcións de ‘Fráxil’, en coprodución co Centro Dramático Galego e o Teatro Español de Madrid

A nova proposta da compañía compostelá foi estreada o pasado venres neste mesmo espazo como parte da programación do festival Escenas do Cambio

Poderá verse desde mañá e ata o día 21, con pases ás 18,00 h. os mércores e domingos e ás 20,00 h. de xoves a sábados

Ana Vallés dirixe o espectáculo co que pecha a triloxía en homenaxe á fraxilidade, que arrancou na pandemia con ‘El diablo en la playa’, de 2020, e ‘Inloca’, de 2022

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023

O Salón Teatro de Santiago acolle desde a semana pasada a compañía compostelá Matarile Teatro para as primeiras funcións públicas do seu espectáculo Fráxil. Handle with Care, coproducido polo Centro Dramático Galego e o Teatro Español de Madrid. Na sede da unidade teatral da Xunta, estreouse o pasado venres no marco do Festival Escenas do Cambio, promovido pola Cidade da Cultura de Galicia, e aquí permanecerá en cartel ata o vindeiro día 21 para ofrecer 10 novas representacións de mércores a domingos.

Ana Vallés dirixe esta nova proposta de Matarile, coa que pecha unha triloxía en homenaxe á fraxilidade que deu comezo na pandemia con El diablo en la playa, de 2020, e que tivo a súa continuidade en 2022 con Inloca. Desta volta, a creadora reflexiona xunto ao seu equipo sobre unha Europa desde onde xa non se escribe a historia, ao tempo que aborda “a fraxilidade do paseo, do que pasa, do que foxe, da conversación peregrina que nos leva, buscando algo, dun lugar a outro; aceptando o desarraigamento e asumindo o desexo de mostrar un saber torcido, iluminado oblicuamente”.

Pau Cólera, Antón Coucheiro, Claudia Faci, Celeste González e Alfredo Pérez poñen en escena o texto e as coreografías da propia Vallés, con achegas dos cinco intérpretes e fragmentos de Mircea Cartarescu, George Steiner e María Zambrano.

Miguel Muñoz é o creador da iluminación, así como o espazo escénico xunto á directora e a Rubén Vilanova. O son e o vestiario están asinados pola compañía, que contou tamén con Xacobo Castro na edición de son, Rubén Vilanova na fotografía e vídeo, Diego Blanco no deseño gráfico, Daniel Baamonde e Nuria Sotelo na asistencia de dirección, Laura Sánchez na produción, coordinación e distribución, e Marcos Vieitez como axudante de produción, ademais de co acompañamento de Enrique Gavilán, Javier Méndez Oro, Isabel Iglesias, Pablo Sánchez e Jacobo Bugarín.

Estadía en Madrid

Fráxil. Handle with care poderá verse desde mañá e ata o día 21 no Salón Teatro antes de poñer rumbo cara a Madrid, onde permanecerá do 30 de xuño ao 16 de xullo nas Naves del Español en Matadero. En Santiago, as funcións terán lugar ás 20,00 h. de xoves a sábados e ás 18,00 h. os mércores e domingos.

As entradas poden adquirirse en liña a través da web entradas.ataquilla.com ou fisicamente no despacho de billetes da rúa Nova, 34 desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu prezo é de 10 euros, sobre o que se aplican os descontos habituais, e de 6 euros nas funcións dos mércores e nas dos domingos, Día do Espectador.

Creada en 1986 por Ana Vallés e Baltasar Patiño, Matarile Teatro é unha compañía pioneira e referente na escena contemporánea galega e española, con máis de 30 espectáculos, incontables performances e propostas sen formato concreto, polos que ten acadado máis de vinte premios e mencións en distintos puntos de España e Europa.

Comparte