Nova: A Xunta incoa o expediente de declaración BIC do Pazo de Lourizán como edificación singular e senlleira
10/05/2023
A Xunta incoa o expediente de declaración BIC do Pazo de Lourizán como edificación singular e senlleira
O Diario Oficial de Galicia publica o inicio dos trámites deste proceso co que o Goberno autonómico dá un paso máis para a súa futura rehabilitación
O expediente valórao como “único” polo seu carácter e dimensións e exemplo destacado da arquitectura civil ecléctica
Pon en valor a súa vinculación con Montero Ríos como personalidade política da transición ao século XX, así como as mencións na literatura
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que inicia o proceso para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) o Pazo de Lourizán, na categoría de monumento con nivel de protección integral, co que se dá un paso máis para a súa futura rehabilitación.
Á hora de incoar o expediente -que supón a súa protección inmediata- os técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta tiveron en conta o seu “sobranceiro valor arquitectónico” e o seu papel destacado como “exemplo” da arquitectura civil de estilo ecléctico. Defínese no expediente como unha “edificación singular e senlleira de Galicia” tanto polos seus elementos artísticos e arquitectónicos, como polos históricos e científicos que se relacionan co conxunto. Valórase, ademais, a súa capacidade de adaptación aos diferentes períodos históricos e tamén os seus distintos usos, desde unha orixinal granxa ata unha zona de recreo e posteriormente unha residencia.
A publicación da incoación no Diario Oficial de Galicia é o inicio da tramitación deste expediente que agora dispón dun prazo de 24 meses para ser completado. É o primeiro paso da folla de ruta do Goberno autonómico para este pazo que será cedido pola Deputación de Pontevedra. Entre outras cuestións, permitirá acceder aos fondos europeos Next Generation en marcha para a dinamización do Patrimonio Histórico con uso turístico, nos que a incoación BIC é un requisito necesario.
O expediente valora o Pazo de Lourizán en distintos aspectos. No relativo á construción, pódese considerar único en Galicia polo seu carácter e dimensións e é exemplo destacado da arquitectura civil ecléctica, co estilo coñecido como Segundo Imperio Francés. Indica que a súa configuración actual responde á reforma de Jenaro de la Fuente a comezos do século XX, con Montero Ríos como propietario. A intención era converter a quinta nun pazo, imitando e superando a tipoloxía dos hôtels á moda francesa, en liña coas arquitecturas do lecer cosmopolitas do século XIX.
Tamén se pon de relevancia a súa vinculación con Montero Ríos como personalidade política da transición ao século XX, as diferentes mencións na documentación e literatura ao pazo de Lourizán e os seus xardíns como lugar no que puideron acontecer momentos e decisións políticas relevantes. Ademais, destaca a presenza, desde mediados do século XX, da actividade de investigación e docencia en materia forestal, quedando como mostra o predio, que conta con exemplares excepcionais e recoñecidos pola súa singularidade e valores naturais.
Delimitación do pazo
A delimitación do pazo está constituída polo edifico principal, a escalinata do acceso, pórticos e escaleiras laterais. Tamén se inclúen as construcións anexas da cabalería, o patio traseiro e os peches e zonas pavimentadas próximas ao edificio. A relación de elementos inmobles localizados no contorno de protección, e que teñen consideración de partes integrantes do BIC, son a antiga fábrica de augardentes e xeo artificial, a Fonte dos Tres Canos, o lavadoiro, a Gruta dos Espellos, o muíño, o Parque das Rías, o invernadoiro, o pombal e o hórreo e a eira.
En orixe, a finca de Lourizán, coñecida como Granxa da Serra, estaba dedicada a casa de campo e granxa, polo que a actividade principal era agrogandeira. A construción foi mudando, converténdose nun pazo tradicional que contaba con capela, curral e cortes. Posteriormente pasou a ter un uso residencial máis definido. A compra e uso de Montero Ríos derivou cara un espazo de residencia de lecer e recreativo.
Na actualidade o Pazo de Lourizán forma parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e conta cun nivel de protección integral no vixente planeamento urbanístico do termo municipal de Pontevedra, ao estar recollido no Catálogo de Edificación e Elementos para Conservar da cidade e medio rural de Pontevedra.