Nova: Cultura e gastronomía únense no novo Festival Matías López de Sarria ao abeiro do programa da Xunta Territorio Cultura
12/05/2023
Cultura e gastronomía únense no novo Festival Matías López de Sarria ao abeiro do programa da Xunta Territorio Cultura
Celébrase desde hoxe e ata o domingo para poñer en valor a figura deste empresario sarriao, precursor da industrialización do sector do chocolate
O programa inclúe teatro, música, cine, ‘showcookings’, obradoiros, coloquios ou exposicións, co chocolate como fío condutor
Sarria (Lugo), 12 de maio de 2023 A localidade de Sarria acolle ata o vindeiro domingo o Festival Matías López. A cultura do chocolate posto en marcha ao abeiro do programa Territorio Cultura da Xunta de Galicia. Trátase dunha proposta que busca poñer en valor a figura do empresario sarriao Matías López a través de actividades como teatro, música, cine, showcookings, obradoiros, coloquios ou exposicións co chocolate como fío condutor.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou hoxe a Casa do Concello de Sarria, onde mantivo un encontro cos seus membros para afondar nos detalles organizativos desta cita que se celebrará na súa meirande parte na carpa instalada no parque do Chanto. Tal e como explicou, está dirixida a poñer en valor a figura de Matías López, empresario sarriao instalado en Madrid, quen na segunda metade do século XIX foi o precursor do márketing comercial en España e da industrialización no sector do chocolate, coa súa produción na fábrica de Chocolates Matías López no Escorial.
A principal característica desta cita é o seu fundamento temático, multidisciplinar e para todos os públicos. Así, o chocolate e a figura de Matías López son o eixo da programación, que arrancou hoxe cunha master class sobre a maridaxe do chocolate e o cacao e continuará ás 20,00 h. desta tarde coa proxección do filme Chocolat na Casa da Cultura.
O sábado e o domingo, a actividade centrarase na carpa do parque do Chanto, onde se poderán visitar os expositores das principais marcas de chocolate de Galicia, tanto de tradición artesanal como de produción innovadora, e a mostra O mundo do chocolate, ademais de participar en showcookings, obradoiros, coloquios, catas comentadas, degustacións ou demostracións de chocolaterapia, entre outras accións.
Teatro e concertos
Ademais, mañá pola tarde terá lugar unha sesión de contacontos a cargo de Ángeles Goás, unha intervención teatralizada sobre a tradición chocolateira de Sarria e o concerto de Dous Bos. Para o domingo, o festival propón unha sesión vermú co grupo local Louband, a presentación do libro sobre Matías López escrito por Gregorio Sánchez Meco e Xaime Félix López Arias ou o concerto da formación Clarisaxos.