Nova: Román Rodríguez refírese a Carlos Oroza como “un dos creadores máis orixinais e únicos da poesía” no marco do centenario do seu nacemento

13/05/2023

Román Rodríguez refírese a Carlos Oroza como “un dos creadores máis orixinais e únicos da poesía” no marco do centenario do seu nacemento

O responsable de Cultura anima a redescubrir o legado do poeta a través da exposición ‘Oroza (1923-2023). Centenario do poeta Carlos Oroza’ no Porto de Vigo ata o 19 de xuño

A continuación a iniciativa itinerará polos concellos de Pontevedra, Viveiro, Folgoso do Courel, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense

“Carlos Oroza foi un artista que converteu a súa voz poética nunha escola da que seguen bebendo creadores de todas as disciplinas”, salienta o conselleiro

Marta Fernández-Tapias destaca o “potencial cultural inmenso” da cidade e aposta por “recuperar a posición que Vigo tivo nas vangardas culturais”

Vigo, 13 de maio de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou en Vigo na presentación da mostra Oroza (1923-2023). Centenario do poeta Carlos Oroza inaugurada no Porto de Vigo para homenaxear ao creador con motivo do centenario do seu nacemento, que se celebra hoxe. Trátase dunha exposición incluída na programación especial impulsada pola Xunta de Galicia e a Asociación Évame-Oroza con motivo desta efeméride.

No acto, no que tamén estivo o presidente da Asociación Évame-Oroza, Xabier Romero, o responsable de Cultura referiuse ao homenaxeado como “un dos creadores máis orixinais e únicos da poesía en Galicia e España”. “Carlos Oroza foi un artista que converteu a súa voz poética nunha escola da que seguen bebendo creadores de todas as disciplinas e que sentou as bases para abrir unha maneira torrencial de vivir a poesía”, salientou Román Rodríguez.

“Hoxe, cando farían 100 anos do seu nacemento, Oroza segue sendo unha icona da poesía galega que debemos seguir descubrindo e divulgando para fomentar o seu recoñecemento en toda Galicia”, afirmou o conselleiro antes de lembrar a importancia de Vigo, pois foi nesta cidade onde residiu gran parte da súa vida o autor e faleceu no ano 2015, para entender a súa obra.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou que “Vigo ten un potencial cultural inmenso e isto queda probado coa resposta que estamos recibindo a nosas iniciativas. Seguiremos traballando nesta dirección porque creemos que Vigo o necesita, Vigo ten que recuperar a posición que tivo nas vangardas culturais. Estamos nunha cidade que marcou unha época no despertar musical do país, pero tamén nunha cidade que a día de hoxe é líder na produción editorial, en ningún outro lugar de Galicia edítanse máis libros que en Vigo”.

Así, para contribuír a dar visibilidade ao seu legado, a Xunta de Galicia colabora coa Asociación Évame-Oroza na realización dunha programación especial vinculada a súa figura que inclúe unha mostra itinerante, a edición dun libro e a convocatoria dun premio internacional.

Percorrido pola traxectoria vital e artística

Oroza (1923-2023). Centenario do poeta Carlos Oroza está composta por seis cubos que, a través de imaxes e texto, ofrecen un percorrido pola traxectoria vital e artística do autor. Trátase dunha proposta itinerante que se pode ver desde hoxe e ata o 19 de xuño en Vigo e que, a continuación, pasará por Pontevedra, Viveiro, Folgoso do Courel, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense.

Ademais desta proposta, o Goberno galego tamén colabora coa edición do libro Oroza 100, no que artistas, intelectuais e escritores ofrecen a súa visión e experiencia sobre o artista, e coa convocatoria do primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza con periodicidade bienal e tres categorías: galego, castelán e mellor iniciativa musical.

 

Comparte