Nova: A Xunta e Vegalsa-Eroski celebran as Letras Galegas cunha campaña que homenaxea a Francisco Fernández del Riego

15/05/2023

A Xunta e Vegalsa-Eroski celebran as Letras Galegas cunha campaña que homenaxea a Francisco Fernández del Riego

Desde hoxe, 215 establecementos de Eroski e Autoservicios Familia contarán nas súas instalacións cos carteis conmemorativos da efeméride deseñados polo alumnado do colexio CEIP Juan Rey de Lourenzá

Ademais, distribuiranse 21.000 bolsas de papel e máis de 1.400.000 bolsas de plástico coa inscrición “Estamos a poñer en marcha algo grande”, extraída dunha carta persoal do homenaxeado

No marco das actividades das Letras Galegas preséntase tamén un novo material promocional que se distribuirá entre a veciñanza de Lourenzá producida por Ouvirmos co apoio da Xunta e que inclúe unha fotonovela e pasamentos sobre o autor

Vigo, 15 de maio de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e a distribuidora alimentaria Vegalsa-Eroski botan a andar un ano máis a campaña Letras Galegas para festexar o 17 de maio e homenaxear a Francisco Fernández del Riego cunha tirada especial de bolsas e carteis que chegarán a 215 establecementos da rede Eroski e Autoservicios Familia.

 

No acto de presentación, que incluíu unha pegada simbólica de carteis esta mañá no Eroski Center de Portanet, en Vigo, participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen lles lembrou aos presentes que se hoxe celebramos o Día das Letras Galegas “é por iniciativa de Francisco Fernández del Riego, que o ideou e o promoveu para unir a todos os galegos e galegas arredor da nosa lingua e da nosa cultura e que, co paso dos anos, se converteu nunha das celebracións máis importantes de Galicia”.

 

Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén participaron o director de hipermercados, supermercados e gasolineiras Eroski, Florentino Vázquez; a directora de Sustentabilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, e o director de Márketing da compañía, Julián Hernández.

 

Carteis e bolsas conmemorativas

Desde hoxe, máis de 200 establecementos da distribuidora alimentaria contarán nas súas instalacións cos carteis gañadores na categoría de Primaria e Infantil do Concurso-Exposición Letras Galegas 2023 da Xunta, deseñados polo alumnado e profesorado do CEIP Juan Rey de Lourenzá, vila natal de Francisco Fernández del Riego.

 

Ademais, distribuiranse 21.000 bolsas de papel e máis de 1.400.000 bolsas de plástico coa inscrición Estamos a poñer en marcha algo grande, extraída dunha carta persoal do homenaxeado dirixida a Ramón Piñeiro no ano 1950 na que facía referencia á fundación da Editorial Galaxia.

 

Ampla programación polas Letras Galegas

Esta campaña enmárcase na programación de máis dun centenar de accións que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas, entidades, administracións locais e editoriais, impulsan para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas e homenaxear a Francisco Fernández del Riego.

 

Entre as distintas actividades tamén se inclúen accións como a realizada hoxe polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que presentaron o folleto Vivo na vila de Francisco Fernández del Riego editado co gallo das Letras Galegas co apoio da Xunta.

 

Producido pola empresa Ouvirmos, quere achegar nun formato orixinal e moi visual a figura do ilustre laurentino á cidadanía. O folleto inclúe, entre outros contidos, unha fotonovela ao redor da vida do poeta, apartados especiais sobre a súa obra escrita e activismo literario, así como pasatempos vinculados coas localidades vitais e obra de don Paco.Será distribuído a toda a veciñanza da súa vila natal de Vilanova de Lourenzá, e ao público participante nas diferentes iniciativas que se desenvolvan na vila.

Comparte