Nova: O teatro portugués regresa á sede do CDG con O Mandarim

07/04/2015

O teatro portugués regresa á sede do CDG con O Mandarim

Con esta función arranca a nova carteleira do Salón Teatro, que acollerá ata finais de xuño máis de 50 representacións escénicas, concertos e citas audiovisuais

A formación lusa, promotora do histórico Festival de Teatro de Almada, chega a Santiago no marco do programa de colaboración que o Centro Dramático Galego mantén con diferentes entidades teatrais do país veciño

A programación desta semana inclúe o espectáculo de debut de Vía Seis, ‘Amor en 3D’, ademais da estrea da curtametraxe ‘Memento Mori’, de Marisa Otero
 

  • O mandarim
  • O mandarim

Santiago, 7 de abril de 2015.- O teatro portugués regresa esta semana á carteleira do Salón Teatro de Santiago, que este xoves recibe a Companhia de Teatro de Almada co espectáculo ‘O Mandarim’, a partir da obra de Eça de Queiroz. Con esta función, programada para as 20.30 horas, arranca a nova carteleira na sede do Centro Dramático Galego (CDG) que, tras a temporada de exhibición da produción propia ‘Xardín suspenso’, acollerá ata xuño máis de 50 citas escénicas, musicais e audiovisuais.

Esta compañía portuguesa, con máis de 35 anos de traxectoria e promotora do histórico Festival de Teatro de Almada, visita Santiago no marco do programa de colaboración e intercambio que o CDG mantén esta temporada con diferentes estruturas teatrais do país veciño, entre as que se atopan tamén o Teatro Nacional D. María II de Lisboa, a Companhia de Teatro de Braga, Teatro Bruto do Porto e a plataforma artística PELE.

Éxito de público en Portugal
Teresa Gafeira é a directora desta montaxe, que a Companhia de Teatro de Almada estreou a finais do pasado ano esgotando as localidades nas 15 funcións ofrecidas na súa sede, o Teatro Municipal Joaquim Benite. Ademais, Gafeira asinou xunto a Pedro Proença a dramaturxia para adaptar ás táboas esta novela curta de Eça de Queiroz, figura indispensable da narrativa portuguesa do século XIX e máximo representante da novela realista e naturalista na súa lingua.

André Alves, Catarina Campos Costa, Celestino Silva, João Farraia, Maria Frade e Pedro Walter danlle vida aos personaxes desta historia protagonizada por Teodoro, un gris funcionario con grandes ambicións burguesas que, despois de asasinar un mandarín para herdar a súa fortuna, se sume nunha abafante crise de conciencia.

As entradas para a función de ‘O Mandarim’ no Salón Teatro están xa á venda no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro, poderán adquirirse o mesmo xoves desde as 18.30 h.

O espectáculo forma parte, así mesmo, da oferta do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O prezo deste bono, que pode mercarse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de 5 funcións a elixir entre todas as desenvolvidas en 2015 no marco desta carteleira específica.

Máis programación na fin de semana
A programación do Salón Teatro continuará na fin de semana, durante a que lles propón aos espectadores cadansúa cita co teatro e co audiovisual de produción galega. En primeiro lugar, o venres 10 e o sábado 11 a nova compañía Vía Seis representará o seu espectáculo de debut, ‘Amor en 3D’, escrito e dirixido por José Prieto e protagonizado por Susana Álvarez, Celia González e Daniela Rodas. Ambas as funcións terán lugar ás 20.30 horas.

De seguido, a sede do CDG será o escenario da estrea de ‘Memento Mori’, curtametraxe dirixida por Marisa Otero e con Alejandro Carro, Camila Bossa, Mela Casal, Anabell Gago, Chicho Carballido, Pepes Castro e Fina Guitián nas interpretacións. O pase terá lugar o domingo 12, ás 18.30 horas.
 

Comparte