Nova: A Xunta celebra a implicación de toda a sociedade galega no gran día das súas Letras
16/05/2023
A Xunta celebra a implicación de toda a sociedade galega no gran día das súas Letras
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participan hoxe en ata seis actos para poñer en valor as Letras Galegas en ámbitos como o deportivo, empresarial, cultural e educativo
As accións enmárcanse na ampla programación que o Goberno galego, en colaboración con diferentes entidades, empresas e administracións locais, impulsa para homenaxear a Francisco Fernández del Riego
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades celebra a implicación que a sociedade galega está a demostrar durante todo o mes de maio no gran día das súas Letras, cuxo acto central terá lugar mañá en Vilanova de Lourenzá, vila natal de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado neste 2023.
Nesta liña, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participan durante o día de hoxe en ata seis actos diferentes para poñer en valor as Letras Galegas en diversos ámbitos como o deportivo, empresarial, cultural e educativo.
Estas accións enmárcanse na programación de máis dun centenar de propostas que o Goberno galego, en colaboración con numerosas empresas, entidades, administracións locais e editoriais, impulsa para celebrar o 60 aniversario do Día das Letras Galegas.
Xornadas de micro aberto
En concreto, Valentín García, participa na colocación da placa da rúa efémera dedicada a Roberto Vidal Bolaño, un dos autores homenaxeados nas Letras Galegas no seu día e que recibe homenaxe co gallo do Festival de Cans. Ademais, esta tarde en dúas xornadas de micros abertos. A primeira delas no Café Casino de Santiago, onde se lerán fragmentos das obras finalistas do Premio Novela Europea Traducida: O libro da filla, de Inma López Silva; Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga, e Un señor elegante, de Suso de Toro. Ademais, no acto tamén se comunicará o gañador deste premio.
A segunda sesión de micros abertos terá lugar na Sala de Ámbito Cultural de El Corte Inglés compostelán, que reunirá a 25 escritores consagrados da literatura galega para compartir a lectura dos seus libros e no que Valentín García será o encargado de poñer voz ás palabras de Del Riego lendo un fragmento da súa obra Lourenzá.
Tamén esta tarde, o titular de Política Lingüística asistirá á entrega da II edición dos Premios #DígochoEu, o certame de vídeos en lingua galega no que participaron máis de 700 rapaces e rapazas de 20 centros escolares. A gala, incluída na programación da CRTVG co gallo das Letras Galegas, emitirase en directo a partir das 17,00 h na web crtvg.gal e na canle de YouTube da TVG. O día 17 será emitida pola mañá na Televisión de Galicia.
Homenaxe a Del Riego no ámbito deportivo
Doutra banda, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, comparte hoxe as celebracións das Letras Galegas en distintos actos do eido deportivo e musical. En concreto, asiste á I Xornada ObraAberto, organizada por Monbus Obradoiro, e tamén, en Vigo, ao concerto da Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas, organizado polo Consello da Cultura Galega co gallo das Letras Galegas.