Nova: Román Rodríguez anima á cidadanía a gozar da exposición dedicada a Picasso ata finais de xuño

18/05/2023

Román Rodríguez anima á cidadanía a gozar da exposición dedicada a Picasso ata finais de xuño

O responsable de Cultura asiste á visita guiada á mostra do colexio Castelao de Ordes, un dos máis de 260 grupos que se achegaron desde a súa inauguración

“Estamos moi contentos co éxito que está a colleitar esta exposición e que demostra o interese que esperta a figura de Picasso”, salienta o conselleiro

A rede museística da Xunta súmase a esta celebración con máis de medio cento de actividades como xornadas de portas abertas, obradoiros ou propostas musicais

A Coruña, 18 de maio de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, animou hoxe á cidadanía a gozar da nosa cultura co gallo do Día Internacional dos Museos e, de xeito particular, a achegarse á exposición Picasso branco no recordo azul, que pode visitarse ata finais de xuño no Museo de Belas Artes da Coruña. Fixo este chamamento precisamente durante un percorrido a esta mostra, na que acompañou os estudantes do colexio Alfonso Rodríguez Castelao de Ordes, un dos máis de 260 grupos que pasaron por ela desde a súa inauguración o pasado 23 de marzo.

Neste senso, o responsable autonómico de Cultura, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, celebrou o éxito que está a colleitar a exposición arredor de Pablo Picasso, o que demostra o interese que esperta nos galegos a obra do artista. “Agardamos que as visitas sigan funcionando así de ben e que a xente continúe achegándose a este museo para afondar na importancia que tivo Galicia para a traxectoria dun dos máis grandes artistas do século XX”, explicou o conselleiro. Todas as persoas interesadas poden achegarse ata ela ata o 25 de xuño, cando pechará as súas portas.

A visita guiada celebrada hoxe enmárcase na programación impulsada pola Xunta de Galicia para conmemorar o Día Internacional dos Museos. Trátase de máis de medio cento de actividades que se poñen en marcha hoxe e que, na súa meirande parte, chegará ata o sábado co gallo da Noite dos Museos. Entre a ampla diversidade de iniciativas que se desenvolverán figuran visitas guiadas, obradoiros, xornadas de portas abertas, actividades didácticas e música, entre outras propostas dirixidas a todos os públicos.

No caso do Museo de Belas Artes, haberá horario de apertura especial o sábado ata as 23,30 horas. Xa desde as 19,00 horas, organizarase no exterior o xogo colectivo Picasso Infinito, unha performance lúdica de acceso libre para todos os públicos na que se empregará material reutilizado e residuos recuperados para crear un hábitat picassiano.

 

Comparte