Nova: Cinco espectáculos e actividades, na Mostra Primavera en Danza
07/04/2015
Cinco espectáculos e actividades, na Mostra Primavera en Danza
O Pazo da Cultura acolle, do 17 ao 30 de abril, as propostas das compañías galegas As Dríadas, Entremáns, Pisando Ovos e Colectivo Fume, ademais da catalá Roser López Espinosa
Santiago, 7 de abril de 2015.- A Mostra Primavera en Danza de Carballo celebrará a súa décimo terceira edición do 17 ao 30 de abril cunha carteleira de cinco espectáculos e distintas actividades paralelas de achegamento a esta disciplina, nunha programación configurada co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora deste xeito co Concello de Carballo no desenvolvemento desta cita anual para a promoción específica da danza contemporánea, que acollerá o Pazo da Cultura da localidade como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Nesta nova entrega de Primavera en Danza, serán catro as compañías galegas participantes: As Dríadas, que amosará o espectáculo de hip-hop ‘A Orixe’ (17 de abril); Entremáns, que representará a peza para público infantil ‘Xoga’ (domingo 19); Pisando Ovos, no que Rut Balbís interactúa con 25 cadeiras para interpretar ‘Que volvan as flores’ (venres 24); e o Colectivo Fume coa creación ‘Fume’, unha proposta que mestura sombras, cine e danza sobre o escenario (sábado 25).
Tamén está prevista para o 30 de abril a montaxe ‘Lowland’, da compañía catalá de Roser López Espinosa, colaboradora de figuras como Cesc Gelabert ou Ángels Margarit e de presenza habitual en destacados festivais de España, Holanda, Alemaña, Italia, Canadá ou Xapón.
Ao encontro do público
Ademais destas propostas, Primavera en Danza dedica un apartado a actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea, para as que se conta cos propios creadores da carteleira artística. Deste xeito, realizaranse presentacións previas dalgúns dos espectáculos en diferentes centros de ensino e espazos públicos de Carballo. Co mesmo obxectivo divulgativo e organizados baixo o título ‘Como se crea un espectáculo de danza?’, desenvolveranse encontros entre espectadores, coreógrafos e directores ao remate de cada representación.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou esta tarde xunto ao alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a concelleira de Cultura, Mar Eirís; e a coreógrafa e bailarina Alba Fernández na presentación aos medios desta décimo terceira edición do festival.
Na súa intervención, o responsable da Agadic, que cualificou o encontro como “unha excelente proposta cultural pensada especificamente por e para a danza”, referiuse á importancia de prestar un apoio adicional a esta arte por tratarse dun xénero “ás veces non tan presente nas programacións dos nosos teatros e auditorios pero, pola contra, moi rico en potencial creativo e interpretativo”.
Jacobo Sutil fixo ademais especial fincapé nas actividades complementarias que acompañan a programación. “As presentacións dos espectáculos a cargo dos seus protagonistas e os encontros planificados co público xogarán a favor da procura do incremento de cifras de espectadores galegos para a danza”, expresou.