Nova: Apoio á presenza do sector editorial galego nas principais feiras internacionais do libro

07/04/2015

Apoio á presenza do sector editorial galego nas principais feiras internacionais do libro

Formalízase o contrato de organización dos actos a desenvolver por Cultura nestes eventos

Logo da participación na feira de Boloña, con actividades de ilustradores da AGPI no stand de Galicia, o sector editorial galego estará representado nas citas de Bos Aires, Frankfurt e Guadalaxara

  • Feira Boloña Feira Boloña
  • Feira Boloña Feira Boloña

Santiago, 7 de abril de 2015.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universtaria pola que se fai pública a formalización do contrato de servizos de organización das iniciativas a desenvolver por este departamento nas feiras do libro internacionais durante o ano 2015, concretamente os referidos aos eventos de Boloña, de Bos Aires e de Frankfurt, cun importe total de 105.000 euros.

Ademais da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que tivo lugar entre o pasado 30 de marzo e o 2 de abril, a Xunta apoiará este ano a presenza do sector editorial galego nas citas de Bos Aires (Arxentina), do 23 de abril ao 11 de maio; de Frankfurt (Alemaña), do 14 ao 18 de outubro; e de Guadalaxara (México), do 28 de novembro ao 6 de decembro, co obxectivo de promover a difusión de autores e obras galegas nos mercados internacionais.

Favorecer o contacto cos sectores doutros países
Ademais da realización de actividades de difusión do libro e da literatura galega, Galicia conta cun stand propio nas principais feiras internacionais do sector para favorecer o contacto dos profesionais galegos cos homólogos doutros países e para afondar na relación institucional da Consellería cos departamentos doutras administracións responsables da difusión da actividade editorial dos seus respectivos ámbitos de actuación.

A presenza de produción editorial dun destacado número de empresas galegas e a participación de recoñecidos escritores e escritoras, e de profesionais da ilustración permiten, ademais, darlle visibilidade ao prestixio e talento do sector en Galicia, favorecendo a exportación das súas obras e o intercambio de experiencias e boas prácticas.

Participación de Galicia en Boloña
Desde o pasado 30 de marzo ata o 2 de abril, o sector galego especializado na literatura para os máis novos estivo representado na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña cun stand instalado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Editores, no que estiveron representadas a través das súas novidades editoriais Edicións Xerais, a Editorial Galaxia, Everest Galicia, OQO editora, Baía Edicións, Hércules de Ediciones, Editorial Bululú, Kalandraka, Nova Galicia Edicións, Edicións Embora, Edicións Linteo, Demo Editorial, Urko Editorial, Linteo e MC Sport.

Difusión da creatividade actual galega
Durante o evento distribuíuse na cidade italiana o catálogo de ‘Libros infantís e xuvenís de Galicia 2015’, con textos en inglés, castelán e galego, un repertorio co que se presenta na feira a creatividade galega actual no que atinxe á edición. Ademais, as ilustradoras Marina Seoane, José Domingo e Ale Díaz, representantes na feira de Boloña da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), amosaron no stand de Galicia unha selección dos seus traballos e mesmo realizaron debuxos en directo.

A representación da Consellería de Cultura e Educación na feira tivo a oportunidade de reunirse coa responsable da organización da Feira de Frankfurt, Nicole Grüner, para tratar, entre outros temas, a participación de Galicia na vindeira edición da feira do libro desta cidade alemá. Así mesmo, mantívose unha xuntanza con Assunção Mendoza e Ana Castro, representantes da Secretaria de Estado do Governo de Portugal, para tratar e intercambiar novas iniciativas no ámbito da promoción e o apoio á edición de libros en lingua galega e portuguesa.
 

Comparte